Condenan a dous anos de prisión a un profesor por tocarlle os xenitais a un menor nunha clase
A Audiencia Provincial de Pontevedra acordou que o docente é autor dun delito de agresión sexual.
A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a dous anos de cárcere a un profesor por tocarlle os xenitais a un menor durante unha clase.
O docente é autor dun delito de agresión sexual a un menor de 16 anos, tras acreditarse que, en 2023, tocou de forma inapropiada a zona xenital do menor.
Aliás, inhabilítao durante sete anos para calquera profesión, oficio ou actividades, sexan ou non retribuídos, no que teña contacto regular e directo con menores e imponlle cinco anos de liberdade vixiada, así como o pago dunha indemnización de 700 euros por danos morais.
O tribunal, tras valorar as probas, concluíu que a versión do menor, nado en 2008, é críbel e coherente e non existen elementos que desvirtúen o seu testemuño.
Na sentenza, a sala remarcou que é "indubidábel" o carácter sexual da acción do acusado, "dada a zona claramente xenital que se toca e agarra, e por máis que fóra durante un escaso período de tempo".
Neste senso, excluído o carácter accidental dos feitos. A sentenza non é firme, posto que cabe interpor recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG).