A xustiza condena a contratación temporal do Sergas que "escatima dereitos"

Unha enfermeira inxecta unha vacina contra a gripe. (Foto: Europa Press).
A Xustiza condena ao Sergas a pagarlle a unha enfermeira eventual o salario de até 31 días festivos e de fin de semana cando a contrataba só de segunda a sexta feira. O tribunal observa "discriminación" a respecto do persoal fixo.

A contratación temporal do Sergas segue a dar que falar. E non só entre o colectivo eventual do Servizo Galego de Saúde, tamén nos xulgados, onde o Sindicato de Enfermaría denunciou varios casos de discriminación e privación de dereitos a traballadoras que levan varios anos encadeando contratos sen acceso a descanso, baixas ou vacacións; desposuídas de períodos de alta, cotización e salario que lles pertencerían.

Así, o xulgado contencioso administrativo número 2 de Ourense vén de condenar o Sergas a pagar o salario correspondente a 31 días de traballo a unha enfermeira eventual que contrataba de segunda a sexta feira e daba de baixa as fins de semana e os festivos, aducindo que "neses días concretos non hai actividade nos centros de saúde".

Esta situación, recolle a sentenza, prolongouse durante os anos 2015, 2016 e 2018. A Xerencia de Xestión Integrada de Ourense daba de alta a enfermeira cada segunda feira e suspendía a súa contratación cada sexta para encadear un novo compromiso laboral á semana seguinte. O Sindicato de Enfermaría denunciou o caso ante Inspección de Traballo, que obrigou ao Sergas a dar de alta e cotizar pola traballadora durante eses períodos de perda. Agora, o xuíz determina, ademais, que deberá abonar estes intervalos, en total 31 días.

Actuación reprobábel

"A actuación da Administración no só afecta ao dereito ao descanso da recorrente e supón unha discriminación a respecto dos traballadores fixos que realizan as mesmas horas de traballo efectivo e, con todo, permanecerían dados de alta e cobrando tamén polos días festivos ou fins de semana, senón que constitúe una actuación altamente reprobábel da Administración, que implica que lle resulta moito máis vantaxoso acudir á contratación de carácter temporal que cubrir as prazas con persoal fixo mediante o correspondente concurso, dado que dese modo estaría eludindo o pago de, polo menos, 8 días ao mes, aos que os traballadores terían dereito", recolle a sentenza.  

No mesmo texto, o xuíz titular do contencioso administrativo número 2 de Ourense incide en que a diferenza doutros casos "non se trata dunha contratación en días soltos o para distintos centros de saúde, senón de contratos encadeados nos que a única finalidade da Administración é aforrar o pagamento das fins de semana e festivos, escatimando non só as sumas correspondentes aos traballadores, senón o dereito a un descanso retribuído".
A sentenza recoñece un menoscabo dos dereitos desta enfermeira eventual, en sintonía cunha denuncia recorrente por parte do colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita, moi crítico coa precariedade do traballo eventual do Sergas.

Neste sentido, tamén se ten pronunciado o Tribunal Supremo, que nunha sentenza de xuño de 2018 estabeleceu que "non poderá tratarse os traballadores con un contrato de duración determinada dunha maneira menos favorábel que aos fixos polo mero feito de ter un contrato de duración determinada, a menos que se xustifique un trato diferente por razóns obxectivas".

Desde Satse aseguran que detrás desta han vir outras sentenzas. "Temos ás portas catro xuízos máis contra a contratación fraudulenta e o abuso do Sergas das enfermeiras eventuais. Inspección de Traballo abriu a caixa de pandora. Se cotizas por un traballo tes que cobrar por el, e á inversa", sabendo, inciden, que ese pago tamén "é polo descanso" que seguen a escatimar.