Xustiza

Condenado un cirurxián da Coruña a indemnizar con 1,7 millóns unha menor que deixou parapléxica tras unha operación

Un cirurxián nun quirófano. (Foto: Nós Diario)
O xuíz considera probado que colocou "un elevado número de parafusos de maneira incorrecta" nos pedículos vertebrais cando a interveu dunha escoliose con dobre curvatura. A paciente padece outras "graves secuelas irreversíbeis".

O maxistrado do Xulgado do Penal número 3 da Coruña vén de condenar un cirurxián a pagar unha indemnización de 1.729.229 euros a unha menor de idade que perdeu a mobilidade nas pernas tras operarse da columna. Os feitos remóntanse ao ano 2019, apuntan desde o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, cando a moza tiña 13 anos e foi intervida no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac). A indemnización será abonada, de forma directa, polas aseguradoras e, subsidiariamente, polo Servizo Galego de Saúde (Sergas).

No veredicto, o xuíz entende que o traumatólogo que realizou a intervención, xustificada porque padecía escoliose con dobre curvatura, incorreu nun delito de lesións cometidas por imprudencia menos grave. Por iso, impúxolle o pagamento dunha multa de 5.400 euros ao considerar probado que colocou "un elevado número de parafusos de maneira incorrecta" nos pedículos vertebrais.

O maxistrado relata que a paciente padece outras "graves secuelas irreversíbeis", comprometendo "seriamente" a súa calidade de vida e a dos seus achegados, cunha "grande afectación persoal, familiar e laboral, ademais de económica". Tamén apunta que "non se cuestionou" nin a necesidade da operación nin que o Chuac era o centro adecuado para iso, e destaca que nos protocolos deste tipo de operacións "non se prevé" un TAC preoperatorio da columna, tal e como defendeu a acusación particular, polo que descarta que a súa omisión constitúa "imprudencia ningunha".

"Con todo, cando instrumentou a T10 e apercibiuse da caída dos potenciais, por indicarllo a neurofisióloga, ipso facto —segundo expresión propia— seguiu instrumentando cara arriba por considerar que se trataba dunha circunstancia reversíbel", explica o maxistrado na sentenza. Desta forma, remarcou que "será precisamente cara arriba" onde se produciron algunhas das intrusións dos parafusos na canle medular, por unha "certa precipitación" e un "valoración apresurada" e, en realidade, "puramente instintiva", da reversibilidade nunca producida da caída dos potenciais evocados.

O maxistrado tamén indica que as sucesivas caídas —outras tres— foron atribuídas polo acusado, aínda que sen proba ningunha, "á lesión en T10 e non ás posteriores instrumentacións en T9, T8, T7 e T6, o cal ningún dos peritos puido tampouco confirmar nin desmentir". Con todo, o xuíz asegura que, "obxectivamente considerada", esa "defectuosa" técnica de instrumentación, "claramente superadora" da media de "posicionamentos defectuosos" en operacións similares, é "reveladora dunha imprudencia", polo menos de carácter menos grave.

Feitos non prescritos

O xuíz descarta que os feitos prescribisen —xa que, ao estar ante un delito leve, o prazo sería dun ano— e destaca que a vítima tiña 13 anos cando foi intervida, alcanzando a maioría de idade en 2023. Tras a modificación do artigo 132 do Código Penal, que prorrogou o prazo de prescrición de delitos cometidos contra as persoas menores de idade, que foi introducida polo lexislador "para outorgar maior protección ás vítimas que o foron na súa infancia e evitar así indesexábeis impunidade, sucedidas a miúdo no ámbito dos delitos contra a liberdade sexual".

Segundo remarca o xuíz, afecta tamén "outros espazos delituosos, como o dos delitos contra a integridade física, cal é o presente". A sentenza, con todo, aínda non é firme, pois cabe presentar recurso diante da Audiencia Provincial.