Condenan 'O Chicle' a prisión permanente revisábel

(Europa Press)

 A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Compostela, condenou José Enrique Abuín, 'O Chicle', á pena de prisión permanente revisábel polo crime da moza madrileña Diana Quer, así como a dez anos de liberdade vixiada desde que conclúa esa medida.

Esta sentenza chega despois de que o pasado 30 de novembro o Tribunal do Xurado declarou por unanimidade culpábel a Abuín de agredir sexualmente Diana Quer e de matala intencionadamente despois de cometer a agresión, coa intención de ocultar o seu primeiro delito.

A sentenza tamén lle impón a 'O Chicle' a prohibición de aproximarse aos pais e á irmá da vítima, aos seus domicilios, lugar de traballo ou calquera lugar no que se atopen, a unha distancia inferior a mil metros, así como a prohibición de comunicarse con eles por calquera medio durante a duración da pena e, en todo caso, desde o inicio de cumprimento da mesma e até que transcorran dez anos desde a conclusión.

Ademais, condénao, como autor responsábel dun delito de detención ilegal e dun delito de agresión sexual coa concorrencia da circunstancia atenuante analóxica de confesión, á pena de catro anos de prisión e a cinco anos liberdade vixiada. A Audiencia tamén lle impuxo o pagamento dunha indemnización de 130.000 euros a cada un dos proxenitores e de 40.000 á irmá da vítima, ademais de imporlle as costas de proceso xudicial.