Xustiza

Catro anos de cárcere para un acusado de abusar sexualmente na Coruña dunha compañeira de clase en San Xoán

Sede da Audiencia Provincial da Coruña.
Os maxistrados destacan que a declaración testificar da vítima é "fiábel sen máis adxectivos: suma á súa credibilidade intrínseca a contundente corroboración tecida polo resto dos medios probatorios".

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña vén de condenar un home a catro anos de cárcere por abusar sexualmente dunha compañeira de clase duns cursos aos que asistían durante a mañá do 24 de xuño de 2022 no domicilio da vítima.

Nunha sentenza con data do pasado 14 de marzo e da que informou esta segunda feira o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, o xuíz considera probado que, ao redor das 8.30 horas daquel día, o acusado, que estaba convidado no piso da vítima, aproveitou que esta quedou durmida "polo efecto da hora e o consumo previo de alcol e fármacos pautados medicamente" para trasladala en brazos á cama e baixarlle o pixama e as bragas.

A sentenza sinala que, aínda que a vítima recuperara algo a conciencia, finxiu estar totalmente durmida por medo a unha reacción violenta do procesado, e que ao segundo intento penetrouna vaxinalmente, vestiuna e abandonou a vivenda. Ese mesmo día a vítima presentou unha denuncia polos feitos.

O tribunal, ademais, impúxolle a pena de liberdade vixiada de cinco anos, a executar despois da privativa de liberdade, e inhabilitouno para calquera profesión ou oficio que supoña o contacto regular e directo con menores de idade durante catro anos. Ademais, deberá de indemnizar a vítima con 10.000 euros.

Os maxistrados destacan que a declaración testificar da vítima é "fiábel sen máis adxectivos: suma á súa credibilidade intrínseca a contundente corroboración tecida polo resto dos medios probatorios", á vez que subliñan que o seu relato é "neutral, coherente e persistente sempre".