Condenados dous mariñeiros pola protesta do cerco en Compostela no 2014

Estaban acusados de “atentado a axente da autoridade e lesións”.

Dous mariñeiros foron condenados a un ano e seis meses de prisión e a pagar sendas indemnizacións de 6.500 euros a raíz da protesta dos mariñeiros do cerco que decorreu en Compostela en marzo de 2014 e que derivou en enfrontamentos cos antidisturbios ao pé do Parlamento. Quen informa da sentenza emitida polo Xulgado nº2 de Santiago é o SUP, Sindicato Unificado de Policía, que se personou “en defensa dos axentes”. A sentenza é froito dun pacto entre defensa e acusación.

O SUP afirma que "os agresores resultaron condenados polos delitos de atentado a axente da autoridade e de lesións”. Os feitos decorreron o 11 de marzo de 2014, cando unha manifestación de mariñeiros protestando polos topes para o cerco galego intentou achegarse ao Parlamento. Alí, ducias de antidisturbios cortáronlles o paso, tendo lugar un enfrontamento que se estendeu por varias rúas da capital.