Xustiza

Condenado a seis meses de cárcere Pérez Miramontes, ex presidente de Xóvenes Agricultores, o antigo sindicato afín ao PP

Antiga sede de Xóvenes Agricultores en Santiago. (Foto: Europa Press)
Foi condenado por defraudar á Seguridade Social máis de 660.000 euros. Este empresario foi tamén un dos seis detidos no marco dunha operación policial contra a trata de mulleres en Santiago en abril de 2019.

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, vén de condenar a seis meses de prisión a Juan Pérez Miramontes, ex presidente de Xóvenes Agricultores —sindicato agrario afín ao Partido Popular que foi disolto oficialmente por un xulgado en xuño de 2016—, por defraudar un total de 666.598 euros á Seguridade Social a través dun entramado de empresas.

Segundo o auto, con data de xullo deste ano e que adianta praza.gal esta segunda feira, recóllese a conformidade aceptada entre as partes por uns feitos que se produciron entre os anos 2012 e 2015, coa concorrencia de dilacións indebidas. Deste modo, condénase Pérez Miramontes a indemnizar a Seguridade Social pola cantidade defraudada, así como a unha inhabilitación durante sete anos para recibir subvencións e a abonar as costas do procedemento. A sentenza é firme e contra ela non cabe recurso.

Os maxistrados sinalan que Pérez Miramontes, "con ánimo de defraudar" a Seguridade Social, utilizaba un entramado de empresas para obter subvencións estatais e autonómicas no ámbito rural co "transvasamento da actividade e os empregados dunhas a outras" para concorrer a estas axudas, dado que debían estar ao corrente das cotas para recibilas.

A Audiencia Provincial da Coruña concede a suspensión da pena de seis meses de prisión polo prazo de cinco anos con condicións como abonar a responsabilidade civil durante ese período e pagar 100.000 euros procedentes da venda dunha leira, entre outros.

A sala indica que o entramado de empresas de Pérez Miramontes estaba conformado, entre outras, por Asociación Profesional Xóvenes Agricultores, Asociación Mulleres e Familias do Ámbito Rural Galego, Asociación Dinamización do Mundo Rural, Asociación Aconsellamiento Integral de Explotacioós e Asociación Xestión e Aconsellamiento. No entanto, o auto absolve estas entidades xurídicas.

Caso de trata

Pérez Miramontes presidiu desde 1982 e até a súa disolución o sindicato agrario Xóvenes Agricultores. Problemas económicos, como débedas co persoal e outras entidades, que afrontou este sindicato nos seus últimos anos causaron o despedimento dos seus traballadores e levaron a Xóvenes Agricultores ao xulgado, que decretou a súa disolución após un concurso de acredores.

A Xunta outorgou máis de 2,3 millóns de euros desde a entrada do goberno popular de Alberto Núñez Feixoo, en 2009, e até 2014 ao sindicato Xóvenes Agricultores, segundo os datos ofrecidos polo conselleiro do Medio Rural, José González, durante unha intervención no Parlamento en 2019, onde apuntou que houbo "diferentes expedientes de reintegro por incumprimento de destino dos locais adquiridos" para intereses agrarios, polo que foron devoltos 2,1 millóns. Ademais, informou de que durante o Goberno de coalición de PSdeG e BNG recibiu 2,5 millóns.

Paralelamente, en abril de 2019, este empresario foi un dos seis detidos no marco dunha operación policial contra a trata de mulleres en Santiago de Compostela, unha causa que segue aberta e cuxa investigación concluíu o pasado ano.