Condenado a catro anos de prisión un adestrador de hóckey por abusar sexualmente dunha xogadora menor de idade

Sede da Audiencia Provincial de Ourense. (Foto: Google)
O xuízo decorreu a porta fechada, pero a audiencia recalca que o testemuño da vítima "é claro, reiterado e digno de crédito", relatando de "forma monocorde" o ataque sexual que sufriu. "Un relato verosímil, críbel, que aparece corroborado por probas periciais e testificais practicadas", engaden os maxistrados.

A sección segunda da Audiencia de Ourense condenou a catro anos de cárcere a un adestrador de hóckey dun club ourensán por abusar sexualmente, de forma continuada, dunha xogadora menor de idade.

Ademais da pena, o tribunal impuxo ao procesado cinco anos de liberdade vixiada, unha orde de afastamento e comunicación coa vítima durante ese tempo, o pago dunha indemnización de 8.000 euros, e a prohibición de desempeñar actividades de adestramento de menores durante seis anos.

Na sentenza, os maxistrados consideran acreditado que en setembro do ano 2021, tras recoller a vítima que por aquel entón tiña 14 anos, levouna a un almacén de material deportivo situado na parte exterior das instalacións municipais nas cales adestraban co pretexto de regalarlle unha camiseta. Unha vez alí, segundo relatan os xuíces, sentou e díxolle á menor que sentara nos seus xeonllos, "o que realizou con medo polas circunstancias".

O tribunal subliña que o acusado "agarrouna e sentouna sobre el" e comezou a "tocarlle os peitos por encima do suxeitador" e as pernas "chegando a agarrarlle as nádegas" e tamén a separarlle a máscara "dándolle un bico na boca".

Na resolución sinalan que ante a negativa da menor para continuar en tal situación, o adestrador "insistiu en varias ocasións", aínda que a conduciu acto seguido ao adestramento.

Segundo o relato dos feitos probados da sentenza, ao día seguinte o condenado recolleu novamente a menor, debido a que era habitual que a trasladase ao adestramento.

Tras preguntarlle se estaba enfadada insistiu para que o acompañase de novo ao almacén, esta vez para recoller un pau de hóckey, unha vez alí, segundo a sala, volveu abusar sexualmente dela. A menor chegou a coller o teléfono móbil coa intención de chamar a súa nai e o acusado "sacoullo das mans permanecendo na mesma actitude até que se fixo tarde para o comezo do adestramento".

"Testemuño claro"

O xuízo decorreu a porta fechada, pero a audiencia recalca que o testemuño da vítima "é claro, reiterado e digno de crédito", relatando de "forma monocorde" o ataque sexual que sufriu. "Un relato verosímil, críbel, que aparece corroborado por probas periciais e testificais practicadas", engaden os maxistrados.

Así mesmo, indican que a persistencia incriminatoria da menor non pode ser cuestionada "porque foi rotunda e perseverante", expondo con detalle a realidade do acontecido.

Ademais, afirman que non ten motivo de resentimento ou de animadversión. Como consecuencia destes feitos a vítima deixou de practicar a disciplina e ten secuelas psicolóxicas.

A sentenza non é firme e contra ela cabe presentar recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza.