Condenado o capitán do Prestige a dous anos de prisión por delito medioambiental

Mangouras e Argyropoulos

O Supremo revoga a sentenza da Audiencia provincial e imponlle unha pena de cadea por delito medioambiental con agravante catastrófico.

 

Apostolos Mangouras foi condenado a 2 anos de prisión por un delito medioambiental, segundo avanzou a Cadena Ser. Así o ditou o Tribunal Supremo, que aumenta a condena inicial imposta pola Audiencia Provincial da Coruña en novembro de 2013, en relación ao macro-xuízo pola catástrofe do Prestige

Mangouras foi a única persoa condenada, na altura a 9 meses de cadea que se incrementan a 24 meses coa sentenza do Supremo. 

A decisión do alto tribunal prodúcese após o recurso presentado pola Fiscalía no que reclamaba a anulación e que a aseguradora do buque se fixese cargo de parte da factura polos prexuízos ecolóxicos causados. 

Neste senso, o Supremo condena a aseguradora e o propietario do barco a quen fai responsábeis civís da catástrofe medioambiental xunto co Fondo Internacional de Indemnizacións por Accidentes de Hidrocarburos. 

Doutra banda, mantén a absolución para os demais mariñeiros do Prestige e tamén para o ex-director da Marina Mercante, José Luís López-Sors, o único cargo político que sentou na cadeira dos acusados
 

Mangouras como único responsábel 

Sa súa sentenza o Tribunal Supremo sinala Mangouras como "responsábel dun delito imprudente contra o medio ambiente na modalidade agravada de danos catastróficos" polos feitos acontecidos o 13 de novemebro de 2002. Aliás, sinala a súa responsabilidade civil pola que deberá facer fronte a unha indemnización xunto coa aseguradora London P&I Club. De maneira subsidiaria tamén se sinala a responsabilidade civil da propietaria do Prestige Mare Shipping Inc. e do FIDAC. 

Esta responsabilidade debe abranguer a "restitución, a reparación do dano, tanto o emerxente como o lucro cesante, incluído o dano medioambiental nos seus distintos aspectos, e a indemnización de prexuízos materiais e morais", recolle o comunicado de imprensa remitido coa sentenza do Supremo por parte do TSXG. 

O Supremo di que o capitán do Prestige asumiu unha navegación "arriscada" ao ser coñecedor das condicións nas que se atopaba o buque e da perigosidade da carga que portaba

Destarte, o Supremo revoga a condena de 9 meses que lle fora imposta a Mangouras pola Ausiencia Provincial por un delito de desobediencia grave que lle foi atribuído por desouvir as ordes das autoridades españolas. Ora ben, condénao como responsábel do acontecido por, din, ter asumido "a travesía nun momento no que o previsíbel, cando non seguro, en atención á zona pola que había de navehar e a época do ano na que o facía, é que tivese que se enfrontar a condicións meteorilóxicas adversas". 

Asemade, acrecentan, "Mangouras asumiu non só unha navegación arriscada" senón que "creou un grave risco sobre todo en relación ao carácter altamente contaminante da sustancia que transportaba". 

Neste senso, o Supremo entende que as decisións adoptadas polas autoridades políticas así como a xestión feita da propia catástrofe foi acaída polo que absolve a López-Sors, único responsábel público encausado. 

Nunca Máis

O avogado da Plataforma Nunca Máis, Pedro Trepat, destaca "un aspecto positiva" da sentenza do Tribunal Supremo: "Acaba con aquela situación dun desastre sen un responsábel".