Seis anos de prisión para o condutor bébedo que provocou un accidente en que faleceron unha nai e os seus fillos en Salceda

Alfredo L.R. o condenado polo accidente de tráfico en Salceda de Caselas durante o xuízo (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press).

Os xuíces entenden que o estado de embriaguez do procesado, que di non lembrar nada das horas previas ao accidente, foi determinante no deselance.

A Audiencia de Pontevedra condenou a seis anos de cárcere ao condutor ebrio que provocou un accidente de circulación en marzo de 2021 en Salceda de Caselas (comarca de Vigo) no cal faleceron unha nai e os seus dous fillos, de 13 e 6 anos, respectivamente.

A sentenza da audiencia, difundida esta sexta feira polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), considera o home de 34 anos culpábel de tres delitos de homicidio por imprudencia grave en concurso cun delito contra a seguridade viaria por conducir baixo os efectos do alcol.

Nunha resolución contra a que cabe recurso de apelación, a sala considera que o condutor (Alfredo L.R.). cometeu unha grave imprudencia ao coller o coche despois de deambular por varios bares durante horas consumindo alcol, o que provocou que, cando circulaba pola estrada que une Salceda de Caselas e O Porriño, invadise o carril contrario mentres tomaba unha curva a 128 quilómetros por hora nun tramo limitado a 90.

Nese momento, o seu coche impactou frontalmente contra un turismo que conducía unha nai, que viaxaba coa súa filla de 13 anos como copiloto e co seu fillo menor, de 6 anos de idade, nos asentos traseiros usando unha cadeira especial de suxeición.

Os tres faleceron no acto, mentres que o responsábel do sinistro foi trasladado a un centro médico, onde se lle practicou unha proba que deu como resultado que no seu organismo había 2,49 gramos de alcol por litro de sangue.

Os xuíces entenden que o estado de embriaguez do procesado, que di non lembrar nada das horas previas ao accidente, foi determinante no deselance.

“Caendo polos bares”

Durante o xuízo decorrido no mes de xaneiro nos xulgados de Pontevedra, no que Fiscalía solicitou un total de 5 anos de prisión que a acusación particular elevaba a 9, testificaron varios responsábeis de estabelecementos de hostalería polos que pasou o agora condenado durante o 19 de marzo de 2021.

Como recolle a sentenza, o condutor foi consumindo 'gin tonics' e cervexas nestes bares. Dous camareiros afirmaron que o home caeu en varias ocasións da cadeira, que tiña problemas para manter o equilibrio, que balbuceaba e que, mesmo, falaba só.