Xustiza

21 anos de cárcere para o home que asasinou a súa muller en Gondomar "por dominación e desprezo"

Valentín A.B., o condenado, durante o xuízo. (Foto: Europa Press)
De acordo co veredicto do Tribunal do Xurado, foi sentenciado como autor dun delito de asasinato, coa concorrencia das agravantes de parentesco e de xénero.

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, vén de condenar a 21 anos de cárcere o home que matou a coiteladas a súa muller en decembro de 2020 en Gondomar (comarca de Vigo). De acordo co veredicto do Tribunal do Xurado, foi sentenciado como autor dun delito de asasinato, coa concorrencia das agravantes de parentesco e de xénero. A maiores, a Audiencia acordou prorrogar a privación da patria potestade ou posibilidade de obtela en relación cos dous fillos do condenado e da vítima, co que tampouco poderá comunicarse nin aproximarse a menos de 200 metros do seu domicilio ou lugares que frecuente durante 26 anos. En canto á indemnización, impúxolle o pagamento dun total de 300.000 euros aos seus dous fillos.

Nunha sentenza con data do 4 de xullo e da que informou esta quinta feira o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, a maxistrada presidenta do Tribunal do Xurado considera que atacou á súa esposa "co propósito de acabar coa súa vida" e movido por razóns "de dominación e desprezo cara a ela pola súa condición feminina". No auto, subliña que "lle berraba e humillaba de forma habitual" e que decidiu matala "como acto de imposición e dominio".

Os membros do xurado entenderon acreditado que a vítima "non tivo posibilidade de defenderse da agresión" do seu marido cunha arma cortante debido a que padecía obesidade mórbida e artrose, circunstancias que anulaban "a súa capacidade de defensa" e das que se aproveitou ou condenado. Baseáronse para chegar a esta conclusión no informe forense, "no cal se fai constar que non hai signos de ataque da vítima ao acusado" e no que se conclúe tamén que era "imposíbel que puidese fuxir" debido ás súas patoloxías.

"Da forma do ataque e feridas causadas, deduce o xurado, conforme á lóxica e a razón, a intención de matar á súa esposa que guiaba ao acusado", indica a maxistrada presidenta, quen incide en que o feito de que os xurados declaren probado que, antes do ataque, a muller colleu un coitelo para defenderse ante un empurrón do seu marido e apreciasen lesións de defensa, "non elimina a concorrencia da aleivosía, visto que ante a agresión co coitelo por parte do seu esposo, as limitacións da vítima impedíanlle fuxir e defenderse de forma eficaz".

De feito, estimaron que "non hai signos de que atacase o seu marido", así como que as lesións de defensa que tinga nas mans eran "mínimas" e compatíbeis "con intentos defensivos nados do propio instinto de conservación, pero sen eficacia verdadeira contra o agresor e a acción homicida".

A maxistrada subliña que "non existiu, segundo os xurados, a posibilidade dunha resistencia minimamente eficaz, ou dunha defensa real que puidese provir da propia vítima", polo que asegura que "concorre a agravante de aleivosía que cualifica o asasinato".

En canto á intención do acusado de causar a morte á súa muller, afirma que non cabe outra dedución, "atendendo á natureza do instrumento empregado, as zonas do corpo da vítima ás que dirixiu o ataque e as numerosas puñaladas e entidade das mesmas".