Xustiza

Condenadas seis persoas por acosar reiteradamente na Coruña un mozo que sufriu lesións físicas e psíquicas

O afectado chegou a considerarse "desprezado e incomprendido" e o seu 'círculo' foi "acurtándose paulatinamente", o que o levou a "illarse na súa casa". (Foto: Nós Diario)
Entre os feitos probados na sentenza constan patadas ao can da vítima, agresións, persecucións, xestos, burlas e insultos. Nunha ocasión, segundo a sentenza, un dos condenados queimouno cun cigarro na fronte na coruñesa praza de Pontevedra. E outro dos acusados tiroulle unha botella de cristal que lle impactou nunha perna.

O Xulgado do Penal número 3 da Coruña vén de condenar seis acusados, todos eles maiores de idade, de acosar en diferentes zonas da cidade, un mozo que, como consecuencia dos feitos, sufriu lesións físicas e psíquicas polas cales tivo que ser ingresado durante varios días nun centro psiquiátrico. A sentenza deuna a coñecer esta terza feira o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) e apunta que "non hai dúbida da existencia dunha situación de acoso padecida pola vítima durante moito tempo e que era sistematicamente dirixida por un dos procesados, coa colaboración, consciente ou non na súa total dimensión, dos restantes implicados".

Esta Sala condena o principal encausado a dous anos de cárcere e o pagamento de multas por un importe total de 4.320 euros pola comisión dun delito de acoso, un delito leve de lesións e delitos continuados de quebrantamento de medida cautelar e leve de coaccións. A maiores, impúxolle a prohibición de aproximarse á vítima e de comunicarse con ela durante cinco anos e dez meses.

No que atinxe aos outros cinco implicados, o xuíz impúxolles a dous deles a mesma pena: unha multa de 1.080 euros e un ano de prisión; a outro, seis meses de cárcere, e aos outros dous, o pagamento, respectivamente, de 720 e de 540 euros de multa. O maxistrado tamén lles impuxo a tres dos acusados o abono de indemnizacións á vítima por un total de 15.585 euros. E, entre todos, deberán pagar ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) a cantidade que tivo que destinar ás asistencias médicas prestadas ao afectado.

Relación de feitos

O titular do Xulgado do Penal número 3 da Coruña relata na sentenza que o principal acusado, nado en 1997, tiña desde había varios anos unha relación de inimizade coa vítima "por un tema relativo ao acollemento do acusado por unha familiar da vítima e o seu cesamento, culpabilizándoa del". O procesado, sempre segundo o auto, "proseguiu coa súa actitude de fustrigación cara ao denunciante, tanto directamente como a través de persoas da súa contorna social e coñecidos, entre eles os demais acusados, quen tamén levaron a cabo os feitos".

O afectado chegou a considerarse "desprezado e incomprendido" e o seu 'círculo' foi "acurtándose paulatinamente", o que o levou a "illarse na súa casa"

O xuíz recalca que, como consecuencia de "toda esta fustrigación e persecución da que foi obxecto por parte do condenado e da que participaron, nalgúns dos incidentes, os demais acusados pertencentes ao círculo social del", o afectado chegou a considerarse "desprezado e incomprendido", polo que o seu 'círculo' foi "acurtándose paulatinamente", o que o levou a "illarse na súa casa".

Entre os feitos declarados e probados na sentenza constan patadas ao can da vítima, agresións, persecucións, xestos, burlas e insultos. Nunha ocasión, segundo a sentenza, un dos condenados queimouno cun cigarro na fronte na coruñesa praza de Pontevedra. E outro dos acusados tiroulle unha botella de cristal que lle impactou nunha perna.

A sentenza aínda non é firme, xa que contra ela cabe presentar recurso, primeiramente, diante da Audiencia Provincial da Coruña.