Xustiza

O Sergas, condenado a pagar 170.000 euros por neglixencia nun parto no que a crianza sufriu un infarto cerebral

A cesárea "debeu indicarse antes", sostén a xuíza. (Foto: Nós Diario)
A cabeza da bebé ficou encaixada na pelve da nai por mor da "insistencia" en intentar o parto vaxinal para evitar a cesárea.

O xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Santiago vén de estimar parcialmente un recurso interposto por unha familia e condena o Sergas, en consecuencia, a indemnizalos coa contía de 170.000 euros por mala praxe durante un parto no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra. Naquela intervención o bebé sufriu un infarto cerebral que lle deixou secuelas.

Segundo recolle a sentenza, a familia, representada polo letrado Alfonso Iglesias, presentou un recurso contra a resolución da Consellaría que desestimaba a súa reclamación patrimonial, e o xulgado estimouna parcialmente.

Os feitos remóntanse a xuño de 2018, cando a muller, de 39 anos, ingresou para a indución do parto no Hospital de Pontevedra, após un embarazo "normal". Tras varios intentos de parto vaxinal, co uso de ventosas, o persoal sanitario avogou por unha cesárea urxente.

Así naceu unha nena de algo máis de 3 quilos de peso, cuxos datos de PH en cordón umbilical e índice Apgar reflectiron síntomas de hipoxia. Ás poucas horas, a bebé foi trasladada ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo onde, após a realización de diferentes probas, detectáronse signos compatíbeis cun infarto cerebral.

Neste veredicto, a xuíza sinala, entre outras cuestións, que non consta que se controlase o benestar fetal na última hora do parto e indica, segundo explicaron os peritos, que a insistencia no parto natural provocou que a cabeza da bebé ficase encaixada na pelve da nai.

Así, "a cesárea debeu indicarse antes" e os intentos de extracción con ventosas "foron moi traumáticos". Por estes feitos, a xuíza estabelece que o Sergas debe indemnizar á menor en 140.000 euros, á súa nai en 20.000 euros e ao seu pai en 10.000 euros.