Xustiza

Dous anos de prisión para un militar da Brilat de Pontevedra por acosar sexualmente unha soldado

Militares españois durante un desfile. (Foto: Jorge Peteiro / Europa Press)
De maneira reiterada ofrecíalle apertas ou lle dicía "que rica es", buscando o contacto físico e chegando a abrazala "en contra da súa vontade".

Un subtenente do Exército de Terra vén de ser condenado a dous anos de prisión por un delito consumado de abuso de autoridade na súa modalidade de acoso sexual, en concurso ideal heteroxéneo con senllos delitos de abuso sexual e lesións psíquicas. O procesado era brigada cando ocorreron os feitos e estaba destinado na Brigada Galicia VII (BRILAT), con sede en Figueirido (Pontevedra).

O Tribunal Militar da Coruña imponlle a suspensión de emprego durante o tempo da condena e a pena accesoria de revogación de ascenso, ademais da prohibición de comunicación por calquera medio coa vítima, os seus familiares e parella —tamén militar— durante o período de cinco anos. Nesta sentenza tivéronse en conta as circunstancias atenuantes de "reparación do dano causado" e "dilacións indebidas".

En concepto de responsabilidade civil o subtenente deberá abonar á vítima a cantidade de 50.000 euros correspondentes á indemnización polo cento oitenta e tres días de baixa laboral a causa do dano psíquico consecuencia dos feitos denunciados, segundo consta acreditado no informe médico forense, que sinala a existencia dunha "tensión postraumática, con sintomatoloxía ansioso-depresiva e repercusión funcional moderada".

Nesta indemnización inclúense os danos morais ocasionados. Por último, o acusado deberá abonar a cantidade de 13.000 euros en concepto de costas procesuais. De todas estas cantidades declárase a responsabilidade civil subsidiaria do Estado español.

Segundo recolle o auto, o brigada procesado era o xefe da unidade na que estaba a soldado, á que citaba no seu despacho en diversas ocasións para ter reunións "de longa duración", nas que "non se trataban asuntos do servizo", senón que o brigada preguntaba por cuestións da súa vida persoal e nas que "mantiña longos silencios mirando a soldado de arriba abaixo, suspirando e movendo a cabeza de lado a lado".

Ademais, de maneira reiterada ofrecíalle apertas ou lle dicía "que rica es", buscando o contacto físico e chegando a abrazala "en contra da súa vontade". O simple feito de ser chamada pola brigada provocou no soldado unha "forte ansiedade, angustia e pánico". Esta chegou a gravar unha das conversacións mantidas no despacho co seu teléfono móbil que presentou como proba.