Xustiza

O TSXG ratifica unha condena á CRTVG por "vulnerar os dereitos" dun traballador que participaba dos 'Venres Negros'

O xornalista expedientado pola CRTVG, Carlos Jiménez. (Foto: Defende a Galega)
O xornalista Carlos Jiménez foi expedientado por unha causa que a Xustiza atribúe á súa participación no movemento a prol da liberdade de información nos medios públicos. Será indemnizado con 6.251 euros.

A sala do social do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de ratificar unha sentenza previa que condenaba a Corporación de Radio e Televisión da Galiza (CRTVG) a pagar unha multa de 6.251 euros por vulneración de dereitos fundamentais, por mor dunha sanción disciplinaria imposta a un traballador —o xornalista Carlos Jiménez— e que quedou anulada.

De feito, o fallo, con data do pasado 26 de maio, destaca a "inmediación temporal" existente entre a apertura do expediente disciplinario —o 6 de novembro do 2018— e a "participación activa" deste empregado no movemento dos 'Venres Negros' —que comezou en maio do mesmo ano—.

Segundo recolle a sentenza, a corporación suspendeu o traballador de emprego e soldo durante nove días por supostamente incorrer nunha incompatibilidade co seu posto de traballo ao ter locutado un programa realizado por unha produtora externa para a propia TVG. Tras isto, o empregado levou este asunto aos tribunais e o Xulgado do Social número 1 de Santiago deulle a razón.

Así, a xuíza anulou o expediente disciplinario e condenou á CRTVG para pagar 6.251 euros por vulnerar dous dereitos fundamentais —á libre expresión e á tutela xudicial efectiva—. Tras o recurso de suplicación presentado polo ente público contra esa primeira sentenza, agora o TSXG confírmaa nun novo fallo que conclúe que a CRTVG "non probou que a sanción obedecese a un propósito alleo ás represalias polas accións exercitadas" con anterioridade por parte do traballador ante a Xustiza para que se lle recoñecese a relación laboral indefinida.

Aliás, os maxistrados do alto tribunal galego aseguran que a corporación "era coñecedora do continuo labor do actor público e notorio" como locutor e presentador en varias produtoras. Por iso, recalcan —igual que o fixo a xuíza de primeira instancia— a " inmediación temporal" entre a apertura do expediente sancionador e a "participación activa" deste empregado nos 'Venres Negros'. Contra esta sentenza aínda cabe interpor recurso de casación no prazo de 10 días. Fontes da CRTVG aseguraron a Europa Press que están "a estudar se se recorre" este fallo.

Piden "cesamentos"

Após coñecer a sentenza, o sindicato CUT emitiu un comunicado no que considera que esta nova resolución "fecha de maneira significativa unha batalla estéril da CRTVG para o encubrimento dos seus propios actos, como a persecución cara a traballadores e traballadoras do medio que se comprometeron na denuncia da manipulación informativa".

Neste contexto, a organización exixe que "de inmediato" abra "un proceso" no ente público para que os directivos responsábeis da decisión disciplinaria respondan "pola súa xestión partidista, caciquil e escurantista do medio", á vez que espera que cheguen "as correspondentes cartas de cesamento para evitar que estes feitos se sigan a repetir".

A ollos do colectivo Defende a Galega, a sentenza "confirma" o que veñen dicindo nos últimos tres anos: "Era unha represalia polo apoio aos 'Venres Negros'. Parabéns e grazas, compañeiro, polo teu compromiso!", sinalou o colectivo a través de Twitter.