Xustiza

O Porto de Marín deberá indemnizar con 900.000 euros o Instituto Oceanográfico por danos no 'Ángeles Alvariño'

Mostraxe de microplásticos a bordo do buque oceanográfico 'Ángeles Alvariño', nunha investigación recente. (Foto: IEO)
O buque sufriu danos nunha "manobra sinxela" e executada "correctamente" por mor das "irregularidades" nun dragado realizado en 2016.

A Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra deberá abonar un total de 889.558,53 euros ao Instituto Español de Oceanografía (IEO) en concepto de "danos ocasionados" no buque científico Ángeles Alvariño nunha manobra en febreiro de 2017, debido a "irregularidades" nun dragado efectuado en 2016 que deixou "sen eliminar" parte do fondo rochoso.

A sentenza, emitida polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) o pasado 8 de marzo e contra a que cabe interpor un recurso de casación, tomba unha resolución administrativa previa do presidente do Porto e estima o recurso do IEO.

Os maxistrados consideran que o sinistro, ocorrido durante as manobras de varada nun estaleiro, debeuse a un "deficiente funcionamento" dos servizos públicos, pois subliñan que era "relativamente sinxela" e que foi executada polo práctico e polo capitán "de forma correcta e axeitada, sen ningún tipo de neglixencia".

Entende a Sala que os responsábeis do Ángeles Alvariño "non coñecían nin podían prever a presenza duns baixos rochosos", pois unha boia de amarre que facía de baliza de sinalización "fora retirada" dese lugar. "É impensábel que se drague unha zona e se deixe outra con baixos que poñan en risco a navegación", precisan os xuíces.

"O sinistro trae causa, exclusivamente, da antixurídica acción por parte da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra consistente en efectuar un dragado da zona rochosa de forma incorrecta, sen eliminar a totalidade dos baixos que dificultaban e puñan en risco a navegación, non documentar coa batimetría axeitada tal situación, non balizar a presenza dos devanditos baixos e non polo en coñecemento da Corporación de Prácticos, como era a súa obriga", enumera o TSXG na sentenza.

Este "cúmulo de irregularidades" cometidas polo Porto convérteno en "único e exclusivo responsábel" dos danos sufridos polo Ángeles Alvariño nos sensores do instrumental científico. Aliás, "non consta documentación oficial" que acredite o dragado realizado en 2016 na zona sur do peirao comercial, co fin de deixar unha sonda mínima de 4,5 metros.

Das actuacións "parece desprenderse que se realizou o dragado, mais é evidente que, de modo inexplicábel, antes de chegar a esa cota, quedaron intactas, e sen sinalizar, varias formacións rochosas con sondas entre 0,9 e 2 metros", insisten os maxistrados, que recalcan que esa "neglixencia" foi a que carrexou "un grave risco" para a navegación e o acceso ao estaleiro.