Condena ao Sergas pola morte dun paciente no Chuac

Complexo hospitalario universitario da Coruña (Nemigo)
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) acaba de estabelecer a responsabilidade patrimonial do Sergas no falecemento dun paciente do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) en febreiro de 2015. 

A resolución, que revoga unha anterior e corrixe a decisión da Administración sanitaria galega de non indeminzar a familia, fixa unha compensación de 70.000 euros, ao considerar que a atención médica non foi correcta. 

O tribunal conclúe que existiu unha demora inxustificada nas citas para o control do tratamento anticoagulante que se lle pautou tras un infarto, tratamento que provocou a hemorraxia cerebral que  causou o seu deceso un mes máis tarde.En concreto, a sentenza refírese ao tratamento con sintrom que se lle pautou ao doente, de 70 anos, após sufrir un infarto e aos cinco días de lapso que se produciron entre dúas consultas, durante a primeira quincena de aplicación do fármaco, malia as circunstancias de "alto risco" que presentaba. 

O paciente, segundo recolle o ditame, ingresou o 1 de xaneiro de 2015 no servizo de cardioloxía do hospital coruñés por un infarto agudo de miocardio, do que foi dado de alta tres semanas despois. Nese período comezóuselle a administrar tratamento anticoagulante oral con sintrom, "polo elevado risco trombótico (...)". Tamén se lle prescribiu tratamento por un "risco intermedio de sangrado". 

Para o seguimento do tratamento déuselle consulta o 22 de xaneiro, o 27, o 29 e o 3 de febreiro, día en que acudiu a Urxencias do PAC de Betanzos con síntomas de crise hipertensiva. O exame posterior revelou un "grande hematoma" intracraneal con sangrado agudo. Malia a reversión do tratamento anticoagulante, o paciente sufriu un infarto cerebral que determinou o seu pasamento.

 A sentenza baséase nos informes periciais para determinar que o correcto seguimento da anticoagulación requiría dun "control estrito" do índice que analiza a coagulación (INR), como mínimo, nos primeiros 15 días. Malia a "oscilación notábel do paciente", o servizo sanitario demorou cinco días o control. 

Nese sentido, o TSXG censura a argumentación que ofreceu a xefa de hematoloxía do complexo sanitario, ao xustificar os 5 días de espera entre cita e cita de control por haber unha fin de semana de por medio na que, sinalou, "non hai consulta". "Non resulta convincente, ademais de que non se acredita que non se puidese levar a cabo un control no servizo de Urxencias na fin de semana, tampouco se argumenta a razón pola que, ante o risco que o paciente presentaba, non se lle dese cita para a sexta ou a segunda feira", razoa.

"A necesidade de vixilancia estrita había de extremarse neste caso", conclúe a sentenza.