Xustiza

Tres anos e medio de prisión para o home que acoitelou unha muller en Marín porque llo "ordenara" o "diaño"

O home agora condenado, nun vehículo policial. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
O acusado, de 51 anos e drogodependente, padece un trastorno esquizoafectivo e, no momento dos feitos, sufría un gromo psicótico que "lle impedía comprender e interpretar adecuadamente a súa contorna e de obrar libremente segundo a súa comprensión".

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra vén de condenar a tres anos e seis meses de prisión a un home que responde ás siglas A.D. por acoitelar en Marín unha muller que paseaba pola rúa en febreiro de 2023. No momento da detención, o home alegou que o diaño lle ordenara matar.

O xuízo resolveuse tras alcanzar ambas as partes un acordo de conformidade, en virtude do cal o fiscal rebaixou a tres anos e seis meses a súa petición de pena, que inicialmente era de oito anos por un delito de asasinato en grao de tentativa, coa agravante de aleivosía e a eximente incompleta de alteración psíquica. Esta quinta feira, o representante do Ministerio Público sumou a atenuante de reparación do dano ao facer efectivo o acusado o abono de parte das indemnizacións.

Ademais, o tribunal impúxolle a A.D. a prohibición de aproximarse a menos de 350 metros da vítima por un tempo de cinco anos, tanto ao seu domicilio como a calquera outro lugar onde se atope, e de comunicarse con ela por calquera medio durante o mesmo tempo. Tamén lle impón a medida de liberdade vixiada por un período de cinco anos.

O acusado, de 51 anos e drogodependente, padece un trastorno esquizoafectivo e, no momento dos feitos, sufría un gromo psicótico que "lle impedía comprender e interpretar adecuadamente a súa contorna e de obrar libremente segundo a súa comprensión". Ante o tribunal da sección cuarta, este home recoñeceuse autor dos feitos e aceptou os termos do acordo.

Relato dos feitos

Segundo recolle o escrito de acusación da Fiscalía, os feitos sucederon sobre as 9.30 horas do 13 de febreiro de 2023, cando o procesado saíu da súa casa armado cun coitelo e un martelo en busca dunha vítima. Na rúa Jaime Janer, nas proximidades do Colexio O Sequelo, cruzouse cunha veciña da zona coa que non tiña "ningún tipo de relación" e, entón, coa intención de acabar coa vida da muller, de forma "sorpresiva", atacouna por detrás propinándolle varias coiteladas no tórax e o pescozo, ademais de varios golpes co martelo.

A muller berrou pedindo auxilio e, tratando de repeler a agresión, chegou a caer ao chan, onde o procesado continuou o acoitelamento. Finalmente, ela conseguiu quitarlle a arma e tirouna a unha leira próxima, momento que aproveitou o agresor para abandonar o lugar.

En concepto de responsabilidade civil, o procesado deberá indemnizar a vítima polas lesións causadas o importe de 1.773,52 euros e recibirá outros 11.346 euros polas secuelas estéticas. Ademais, a avogada da vítima que exerce a acusación particular e o letrado da defensa acordaron que o condenado indemnizará noutros 12.000 euros á muller por danos psicolóxicos.

Así mesmo, o procesado deberá indemnizar o Servizo Galego de Saúde (Sergas) co importe de 8.641,78 polos gastos xerados na atención sanitaria. A sentenza é firme e contra ela non cabe recurso.