Salvaterra

O Condado mobilízase en defensa da sanidade pública: "A situación é esperpéntica"

Manifestación polas rúas de Salvaterra. (Foto: Nós Diario)
“A terceira persoa nas listas do PP por Ponteareas, Raquel Planas, é a coordinadora de toda a comarca e xefa de servizo do Punto de Atención Continuada (PAC) dese municipio, sabe o que pasa”, censuran.

As rúas de Salvaterra de Miño mostraron onte polo serán a indignación cidadá pola situación sanitaria que viven as comarcas do Condado e A Paradanta. A mobilización partiu da praza de abastos para rematar diante do centro de saúde, onde se procedeu a ler un manifesto coas demandas que solicitan para  mellorar a sanidade pública. 
Na protesta participaron todos os colectivos locais reunidos na Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado e A Paradanta.

O seu portavoz, Xurxo Porritt, explica a Nós Diario que a situación é “esperpéntica”. Lembra que xa fixeron outra concentración dúas semanas atrás e mesmo mantiveron unha reunión co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, sen obter solucións aos problemas que teñen a diario.

“Quitaron un médico de Mondariz, que non ten completo o seu cadro de persoal, para levalo a Salvaterra de Miño,  que estivo seis dias sen facultativo”, relata este enfermeiro xubilado. “É un deterioro constante da sanidade pública e non é só a falta de persoal, o peor é que non se fai prevención para evitar as enfermidades”, afirma Porritt. 

Falta de planificación

Desde a plataforma denuncian que “falta planificación”, unha situación que cualifican de “insulto para os que estamos pagando impostos para ter unha mellor sanidade pública e logo o diñeiro marcha á sanidade privada”. Porritt pon como exemplo a situación no centro de saúde de Ponteareas, que “tiña que ter catorce profesionais e quedou só en seis, polo que se suprimiu a quenda da tarde”.

Segundo a plataforma, as decisións que se toman desde a Consellaría non se xustifican pola falta de información do que está acontecendo. “A terceira persoa nas listas do PP por Ponteareas, Raquel Planas, é a coordinadora de toda a comarca e xefa de servizo do Punto de Atención Continuada (PAC) dese municipio, sabe o que pasa”, indica o portavoz. Ademais, entre as queixas da plataforma tamén está “a falta de atención en condicións, con máis de 60 visitas por cada facultativo”.

Por último, consideran “unha broma” a decisión que tomou a Consellaría de Sanidade de que o persoal médico que traballe na sanidade pública e na privada cobre “un plus” que antes só se dedicaba "aos que só querían traballar na pública". A modo de sentenza, Porritt pregúntanse “de onde sairá o diñeiro para poder pagarlles?”.