'Petiscos de ciencia', un concurso da USC para "achegar" a investigación á xente nova

Cartaz do concurso 'Petiscos de ciencia'. (Foto: Nós Diario)
O certame pretende dar visibilidade á ciencia e á investigación en galego.

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), convocou o concurso 'Petiscos de ciencia', co obxectivo de "achegar" a investigación á xente nova, ademais de "favorecer a divulgación en lingua galega" do traballo da comunidade científica.

As participantes deberán enviar vídeos inéditos e orixinais, de xeito individual ou en equipos de como máximo tres persoas coordinadas por persoal docente, antes do 22 de abril de 2022.

Estará aberto ao alumnado matriculado durante este curso en calquera das titulacións impartidas na USC, ademais de estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), Bacharelato e Formación Profesional (FP).

A universidade repartirá 1.500 euros entre as catro propostas máis valoradas polos membros do xurado.

Condicións do concurso

Os vídeos deberán subirse a unha canle de Youtube baixo licencias Creative Commons. O xurado avaliará a súa calidade técnica, a corrección lingüística, a orixinalidade do vídeo e a veracidad dos contidos científicos.

Nos vídeos, que deberán ter unha duración de entre 30 e 90 segundos, deberá estar presente o galego, tanto en expresións orais como en diferentes elementos escritos que poidan aparecer.

A entrega dos premios terá lugar o 20 de maio na Facultade Ciencias do Campus de Lugo.