O 'Concurso de pezas para a comunidade' repartirá tres premios de 500 euros no marco do XII Encontro Artes pola Integración

Artes pola Integración no estanque de Méndez Núñez.
O evento comezará ás 12 horas nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña.

Este sábado 30 de setembro, dentro da programación do XII Encontro Artes pola Integración, terá lugar nas proximidades do estanque dos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña, en horario de 12 a 14 horas, o 'Concurso de pezas para a comunidade', unha convocatoria aberta a creadores e creadoras —dun mínimo de dúas e un máximo de catro intérpretes— que presentaron á organización do evento as súas propostas de danza, música e teatro dun máximo de 15 minutos de duración onde se reúnen persoas con e sen diversidade.

Unha vez representadas na mañá do sábado, un xurado de persoas expertas seleccionará dúas pezas, e o público asistente unha terceira, que recibirán cadanseu premio de 500 euros. Esta duodécima edición do Encontro Artes pola Integración, o festival das artes inclusivas para a transformación social, arrincou no Centro Ágora o pasado día 1 coa presentación do festival para, a continuación, asistir a tres representacións teatrais: a peza curta O meu lugar!, dirixida por Rebeca Ponte e Carlota Pérez coa axuda de dramaturxia de Victor Duplá e María Vazquez —baseada na obra A tempestade, de William Shakespeare; a peza Tuétano, de ExperimentaDanza, versión longa da obra Non me toques o segredo, representada na pasada edición do festival, e Mordiendo la verdad. Recuperando la memoria de las mujeres, de Palomica Lloca Producciones, un premiado espectáculo que combina teatro, música, danza e poesía visual.

O sábado 2 de setembro, tamén no Centro Ágora, inaugurouse a exposición A mocidade crea, proxecto realizado en colaboración con SacraExperience logo dun proceso de dous anos de formación e elaboración e que está conformada por fotografías, artes plásticas e videocreacións realizada por adolescentes.

Xa ás 16.40 horas deu comezo a Asemblea Diversa, nesta edición centrada nos museos como espazos e referencias terapéuticas, onde se coñeceron de primeira man as experiencias de Rebeca Ponte, especialista en artes terapéuticas; Juan García Sandoval, Conservador de Museos da Rexión de Murcia; Karen Lund Orbeta, arteterapeuta especialista en arte e museos; Encarna Lago, Xerente da RedE Museística Provincial de Lugo, e a doutora Alexandra Gerstain, do CourtLaud Museum de Londres.

Posteriormente, ás 19.30 horas, Yurdance ofreceu o seu espectáculo de danza The Sound of the Void sobre a fraxilidade humana e a impermanencia da vida para, a continuación, gozar da actuación da Big Band Basket Beat, un proxecto de movemento, arte, educación e acción social cunha metodoloxía que explora todas as posibilidades que nos ofrece unha simple pelota de baloncesto.