Sanidade

Fin da alerta sanitaria pola Covid-19: o Goberno español fulmina as últimas restricións

A máscara deixa de ser obrigatoria en todos os ámbitos. (Foto: Arxina)
A máscara deixa de ser obrigatoria en centros de saúde, hospitais, farmacias e centros sociosanitarios.

Moi lonxe queda xa aquel 14 de marzo de 2020 no que o Goberno español declaraba o estado de alarma por mor da pandemia da Covid-19, mais de seguro quedará por sempre na memoria de todo o mundo. Ao confinamento seguiuno unha paulatina volta á normalidade con restricións de mobilidade, obrigatorio uso da máscara, limitacións de capacidade nos estabelecementos hostaleiros e comerciais e a consolidación do teletraballo e a docencia en liña como alternativa á presencialidade.

Aos poucos foi saíndo o sol e na mañá desta terza feira, pasados 1.207 días —e, desgraciadamente, con 4.202 persoas falecidas na Galiza e máis de 15 millóns, segundo a ONU, en todo o mundo—, o Consello de Ministros aprobou o real decreto que pon fin de forma oficial á crise sanitaria e elimina, en consecuencia, o derradeiro vestixio dela: o uso obrigado da máscara en centros de saúde, hospitais, farmacias e centros sociosanitarios.

"O Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, de forma consensuada e co relatorio de alertas a través dos expertos que compoñen o mesmo de cada unha das comunidades autónomas, consideran que a Covid-19 foi controlada e, malia que a enfermidade segue presente, xa non supón unha situación de crise sanitaria", dixo ante os medios de comunicación o ministro de Sanidade, José Miñóns, acompañado do titular de Industria, Comercio e Turismo, Héctor Gómez, e da ministra portavoz e de Política Territorial, Isabel Rodríguez.

O ministro de Industria, Comercio e Turismo, Héctor Gómez; a ministra portavoz e de Política Territorial, Isabel Rodríguez, e o de Sanidade, José Miñóns, hoxe, en rolda de prensa. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

Se ben a Covid-19 non desapareceu das nosas vidas, si se logrou o principal obxectivo desde que se estendeu a vacina á meirande parte da poboación, a chamada 'gripalización'. Desde novembro de 2022, a enfermidade mostra "unha tendencia decrecente" no que atinxe a falecementos e hospitalizacións, salientou Miñóns, que tamén puxo en valor a elevada taxa de vacinación e a menor virulencia da variante Ómicron na actualidade.

Con todo, o responsábel de Sanidade instou a manter unha "precaución extra", nomeadamente a máscara, nas residencias de maiores e de persoas con discapacidade, sobre todo no caso de que aparezan síntomas compatíbeis coa Covid entre o persoal, os residentes ou os familiares, a fin de conter posíbeis gromos. De feito, o acordo, que entrará en vigor unha vez publicado no Boletín Oficial do Estado (BOE), alude á "especial vulnerabilidade dos centros sanitarios" e a "necesidade de reforzar o uso da máscara en determinados contextos", en especial cando se trate con persoas consideradas vulnerábeis.

Nova rolda de vacinas

Malia a fin da obrigatoriedade da máscara en farmacias, hospitais e centros sociosanitarios, José Miñóns avanzou que de setembro a outubro iniciarase unha nova campaña de vacinación contra a Covid-19 dirixida a persoas maiores de 60 anos e profesionais sanitarios, na que se incluirá a vacina española de Hipra.