Concienciación ambiental para "facer voar" o confinamento

Lámina editada pola Deputación de Pontevedra coas especies de aves máis frecuentes.
A Deputación de Pontevedra, en colaboración con Seo BirdLife, pon en marcha a acción #AvesDesdeCasa, unha iniciativa de sensibilización ambiental na infancia iniciada por @AverAves', para facer máis levadíos os días de confinamento polo COVID19. 

A actividade contempla a creación dun "caderno de campo"  en familia no que as nenas e os nenos poden debuxar as especies de aves observadas desde as fiestras, para despois compartilas nas redes sociais, a través do cancelo  #AvesDesdeCasa.

Para facilitar a observación, a Deputación editou unha lámina ilustrada para coñecer as especies máis comúns que se poden observar nestas datas nesta zona da Galiza, como son os pardais comúns, as rulas turcas, gaivotas de patas amarelas, pombos torcaces, merlos comúns, paporrubios comúns, lavandeiras brancas, estorniños negros, anduriñas comúns e cirrios comúns.

A proposta quere impulsar, neste tempo de illamento, o vínculo entre a cidadanía e a natureza. Así, a Deputación anima a veciñanza a rexistrar nun “caderno de campo” todas as especies que observan coa axuda da lámina, na que se inclúen as especies máis habituais nestas datas. Este caderno de campo, que debe incluír a data de observación, a hora, condicións climáticas e aves identificadas, pódese elaborar en familia, para impliar as crianzas no acehgamento á natureza, mesmo desde as casas. 

A través desta actividade, as entidades impulsoras queren tamén poñer en valor a importancia das aves como bioindicadoras da calidade de vida, "pois está demostrado que as contornas que albergan grande número de aves son máis saudábeis", indican desde a Deputación.