Concentracións en toda Galiza contra o Plan Forestal da Xunta

Concentración contra o Plan Forestal no concello de Cerdedo-Cotobade (Foto: Plataforma por un monte galego con futuro)
A Plataforma por un monte galego con futuro reclama a paralización do Plan Forestal da Xunta e medidas concretas para controlar a moratoria da plantación de eucaliptos.

Ducias de persoas participaron hoxe nas mobilizacións convocadas en 22 vilas e cidades galegas pola Plataforma por un monte galego con futuro, conformada por diferentes colectivos ecoloxistas, animalistas e ruralistas, para reclamar a paralización do Plan forestal promovido en solitario polo PP e instar o Goberno galego a aplicar, con "medidas específicas", a recentemente anunciada moratoria para a plantación de eucaliptos.

Coincidindo coa celebración do Día Internacional dos Bosques, representantes e simpatizantes da plataforma saíron ás rúas de varios concellos para denunciar un plan que, ao seu xuízo, "agrava" a situación actual do monte galego, xa que fai unha diagnose "ficticia" da súa situación "a partir dun inventario forestal irreal e desfasado", ademais de que o documento "carece de consenso social".

Por este motivo, reclama a súa "devolución" ao Consello Forestal para realizar unha nova redacción "axeitada ás necesidades do país e na que poidan participar todas as organizacións relacionadas co monte e o medio rural".

Segundo denuncian, coa redacción actual, o plan "pon a ordenación dos usos do monte en mans das empresas madeireiras e forestais e deixa de lado o interese xeral, sen ter en consideración a necesidade de manter unha reserva ecolóxica de hábitats naturais e garantir así os servizos ecosistémicos dos montes galegos", censuraba esta semana a Confederación Intersindical Galega (CIG), unha das organizacións que integran a plataforma.

Barra libre para o eucalipto

Por outra banda, as entidades convocantes alertan de que o Plan forestal abre a porta a "aumentar aínda máis a superficie ocupada polo eucalipto" malia ter superado "en máis do dobre" as previsións para 2030.

Nesta mesma liña, a organización ecoloxista SEO/BridLife sinalou a "ameaza" que supoñen os eucaliptos para os bosques autóctonos e reclamou das Administracións Públicas unha moratoria a nivel estatal para a implantación de novas plantacións desta especie e a súa erradicación dos espazos protexidos e zonas sensíbeis a nivel hídrico, biolóxico, paisaxístico ou cultural, xa que, lamento, "os eucaliptos empezan a non deixar ver o bosque".