Segunda feira nos xulgados galegos

Concentracións para que o Supremo ratifique que os bancos se fagan cargo do imposto de hipotecas

Protesta contra os despexos. Foto: cedida.

Stop Desafiuzamentos convoca a cidadanía esta segunda feira nas portas dos xulgados para esixir que o Tribunal Supremo ratifique a súa decisión de que sexan os bancos quen asuman o imposto de actos xurídicos documentados das hipotecas e a declaración de “abusiva” da claúsula que impula ao prestatario esa obriga.
 

“Vergoña suprema”, indican desde a plataforma, “dá a impresión de que o poder financeiro se erixise sen complexos como absoluto e con capacidade para someter o sistema democrático e os poderes erixidos pola cidadanía”. Se, de entrada, a Sala Terceira do alto tribunal decidira que as entidades bancarias se fixesen cargo da cláusula, axiña recuou, nun insólito posicionamento e co argumento da “enorme repercusión económica e social” asinado polo presidente da sala Luis María Díaz-Picazo.

 

O Supremo decidirá esta segunda feira, 5 de novembro, se confirma a primeira decisión ou a suspensión de Díaz-Picazo. “Os colectivos Stop Desafiuzamentos esiximos que non faga outra cousa ca confirmar as sentencias xa coñecidas, a obriga dos prestamistas a pagar o importo de actos xurídicos documentados e a declaración de abusiva da cláusula que impón ao prestatario esa obriga”, din.

 

Lei de Crédito Hipotecario


As plataformas de afectados polas hipotecas e Stop Desafiuzamentos engaden máis reivindicacións e lembran que o Congreso dos Deputados está a tramitar a Lei de Crédito Hipotecario, elaborado polo ex ministro e banqueiro Luis de Guindos, “un novo intento de moderación e branquo de cláusulas abusivas”. “O PSOE non pode ratificar as propostas do PP nesta materia e ten que garantir a defensa dos debedores hipotecaris. Do contrario, poderían reactivarse milleiros de procedementos de execución hipotecarios actualmente suspendidos”, conclúen.

 

Stop Desafiuzamentos e a PAH engaden que os cinco puntos básicos das súas reivindicacións seguen totalmente vixentes: dación en pago retroactiva; aluguer alcanzábel e estábel; stop desafiuzamentos; vivenda social e subministracións garantidas.