Concentracións en Galiza piden que cese o "xenocidio" en Palestina

[Imaxe @15Montealto]

Convocadas na Coruña, Lugo e Compostela as concentracións amosaron o rexeitamento á operación militar 'Bordo Protector' que deixa máis dun cento de mortes en Gaza. 

 

Convocadas por Mar de Lumes e colectivos como BDS-Galiza mais en réxime de auto-convocatoria no serán desta sexta feira decorreron senllas concentracións de solidariedade con Palestina na Coruña, Lugo e Compostela. 

Centos de persoas demandaron o cesamento dos ataques de Israel contra a Faixa de Gaza e os territorios ocupados ao tempo que exixiron a fin do "xenocidio" contra o pobo palestiniano. 

Após tres días de ofensiva militar e da ameaza permanente dunha posíbel intervención terrestre, suman xa un cento as persoas mortas, a maior parte delas civís e crianzas. 

Polas redes sociais corren vídeos e fotografías que recollen a brutalidade dos ataques e as consecuencias dos bombardeos aéreos que deixan, aliás de numerosas vítimas, importantes destrozos materiais e en infraestruturas. 

As Nacións Unidas alertan dos prexuízos da operación 'Bordo Protector' e chaman ao cesamento do fogo mais, até o momento, non adoptou medida algunha de presión contra Israel e mantén a súa condena ao lanzamento de mísis desde o territorio gazatí que, no entanto, non ocasionaron vítimas.