Concentracións ás portas de cinco Concellos contra a dispersión dos independentistas presos

[Imaxe: Maia]

Convocadas pola plataforma Que voltem para a casa, denunciarán a situación concreta en que se atopa cada mozo e decorrerán en Teo (Antom Santos), Vigo (Roberto R. Fialhega e Xurxo R. Olveira), Ordes (Carlos Calvo), Ames (Hadriam Mosquera, 'Senlheiro') e Compostela (Eduardo Vigo).


A plataforma cidadá Que voltem para a casa pechou xa as datas das concentracións que decorrerán durante o mes de decembro e a primeira semana de xaneiro perante a casa consistorial dos cinco municipios natais dos seis independentistas galegos que fican presos. 

Así, os protestos para rexeitar a dispersión á cal fican submetidos denunciarán a situación concreta de cada preso e están fixados, todos, para as 11 horas. 
 

  • 3 de decembro en Vigo: Roberto R. Fialhega e Xurxo R. Olveira

Preso desde o 31 de novembro de 2011, R. Fialhega, 'Teto' (Vigo, 1978) foi xulgado na Audiencia Nacional española entre os días 24 e 27 de xullo. Nunha sentenza que non é firme aínda, condenárono a oito anos de prisión polos delitos de participación en "organización terrorista"; máis oito por tenza de explosivos "con finalidade terrorista"; e outros dous por falsificación dun documento oficial tamén "con finalidade terrorista". En total, 18 anos de cárcere e 9 anos de liberdade vixiada.

Segue preso en Estremera, Madrid, a 664 quilómetros da Galiza. Clasificado en primeiro grao e réxime FIES 3, ten dereito --ao igual que os outros cinco independentistas que están presos neste réxime, aplicado a integrantes de banda armada-- a tres horas de patio ao día, as comunicacións intervidas, oito chamadas telefónicas e dúas cartas á semana. Tamén pode recibir catro visitas ao mes: un bis à bis familiar de dúas horas e outras tres de 40 minutos de duración. 

Pola súa banda, a Xurxo R. Olveira (Vigo, 1992) prendérono o 15 de setembro de 2012 en Vigo sob a aplicación da lexislación antiterrorista. Imputado polos delitos de estragos, tenza de explosivos e pertenza a banda armada, leva desde aquela en prisión preventiva e sen ser xulgado. Fica encarcerado no penal de Mansilla de las Mulas, en León, a 348 quilómetros da Galiza.

  • 11 de decembro en Compostela: Eduardo Vigo

Preso desde o 31 de novembro de 2011, Eduardo Vigo (Angrois, 1985) atópase na mesma situación que Roberto R. Fialhega. Condenado na mesma sentenza e polos mesmos delitos. En total, tamén 18 anos de cárcere e 9 de liberdade vixiada. Está encarcerado en Mansilla de las Mulas.

  • 17 de decembro en Ames: Hadriam Mosquera, 'Senlheiro'

En Villabona, Asturies, atópase agora Hadriam Mosquera (Quistiláns, 1985), após pasar polo penal madrileño de Soto del Real. Prendérono o 7 de xaneiro de 2013 nun monte perto da súa casa. Desde aquela fica en prisión preventiva e sen ser xulgado ao lle atribuíren os delitos de tenza de explosivos e pertenza a banda armada. 

  • 23 de decembro en Teo: Antom Santos

Detido o 2 de decembro de 2011, Antom Santos (Teo, 1979) foi xulgado e condenado no mesmo proceso que Roberto R. Fialhega e Eduardo Vigo, onde tamén condenaron a súa compañeira, María Osório, quen se atopa en liberdade provisoria. Santos foi sentenciado a oito anos de prisión por pertenza a "organización terrorista" e outros dous por falsificación de documento oficial "con finalidade terrorista". En total, 10 anos de cárcere e outros 9 de liberdade vixiada. Fica preso no penal de Aranjuez, a 646 quilómetros da Galiza.

  • 3 de xaneiro en Ordes: Carlos Calvo

Detido o 15 de setembro de 2012, tampouco Carlos Calvo (Loureda, 1988) foi xulgado nin condenado. Fica en prisión preventiva encarcerado no penal de Topas, Salamanca, a 433 quilómetros da Galiza. Considérano responsábel dos delitos de tenza de explosivos e pertenza a banda armada.
 

Mocións contra a dispersión

Os cinco concellos debaterán tamén mocións en contra da dispersión penitenciaria nas cales a plataforma Que voltem para a casa reclama o translado destes cinco cidadáns a cárceres da Galiza, o "respecto escrupuloso" polos seus dereitos fundamentais e que remate a clasificación "colectiva, arbitraria e discrecional" en réxime FIES 3 para @s independentistas que son detid@s.