Concentracións por Pablo Hasel na Galiza espallan a defensa da liberdade de expresión

Imaxe da concentración na Coruña (Foto: Galiza Nova)

Centos de persoas participaron nas mobilizacións en 8 localidades galegas. Na de Vigo, unha vez rematado o acto, interviron antidisturbios despois do apedreamento dun vehículo policial.

As oito concentracións que decorreron na noite desta cuarta feira na Galiza contra o emprisionamento de Pablo Hasel sumaron varios centos de participantes, que defenderon a liberdade de expresión e demandaron a “aministía total”. 

Nas sete cidades galegas e A Guarda os participantes desafiaron o mal tempo para denunciar a sentenza que condena a prisión ao rapeiro catalán, denunciando que a mesma supón un ataque á liberdade de expresión.

Segundo as denuncias en redes sociais, nalgunhas destas concentracións, e unha vez finalizadas, axentes da policía procederon a identidicar a algúns participantes nas mesmas, como sería o caso da da Coruña. Na de Vigo, e segundo informan medios da cidade, houbo intervención dos antidisturbios tras o apedreamento dun vehículo policial, o que aconteceu xa finalizada a concentración que decorreu ante o Marco.

EnCompostela, os manifestantes concentráronse baixo a choiva na Praza do Toural. Presididos por unha pancarta na que podía lerse 'Pablo Hasel. Amnistía Xa', os participantes proclamaron consignas como "Audiencia Nacional, tribunal fascista", "Os Borbóns son uns ladróns" ou "Pablo Hasel, liberdade".

Transcorrida media hora de concentración, leuse un manifesto no que cualificaban de "secuestro" a detención do rapeiro na Universidade de Lleida e o encarceramento de Hasel após ser condenado "por exercer a liberdade de expresión".

"Non van por Pablo, van detrás de todos", exclamaron os promotores do manifesto, no que se censurou a actuación do "Goberno máis hipócrita da historia"  e advertíase de que España é o Estado "con máis artistas encarcerados do mundo" por diante de países como Turquía e Marrocos.

Ao termo da lectura do texto, a concentración convertéronse en manifestación, partindo do Toural para terminar no mesmo lugar após percorrer a Rúa da Senra do ensanche compostelán.

Na Coruña tamén foron centenares as persoas que pediron a liberdade de Hasel. A concentración derivou en marcha polas rúas da cidade en dirección á Delegación do Goberno, onde corearon proclamas como "A loita é o único camiño" ou "Contra a represión, mobilización".

Na cidade de Pontevedra, o lugar elixido para a protesta foi a Praza dá Peregrina, na que un cento de persoas pediron baixo unha intensa choiva a "amnistía total" para o rapeiro catalán. De igual modo que na Coruña e Santiago, os manifestantes partiron en marcha, que concluíu minutos despois ante a sede da Subdelegación do Goberno en Pontevedra.

Estado

As mobilizacións tiveron lugar a nivel de Estado, con miles de persoas participando nas mesmas, nomeadamante nas de Barcelona, Lleida ou Madrid, entre outras. Nas de Barcelona e Madrid houbo fortes enfrontamentos entre grupos de manifestantes e policías, con disturbios en diferentes puntos.