Concentracións na Coruña, Vigo e Compostela contra a homofobia

Imaxe: Galiza Nova

Foron convocadas para rexeitar a agresión a un mozo na Coruña por ser homosexual. O 70% dos delitos de odio que se rexistran en Galiza son pola orientación ou identidade sexual da vítima.

A Coruña, Compostela e Vigo acolleron na noitiña desta cuarta feira concentracións contra a LGTBifobia e de rexeitamento da agresión homófoba que decorreu na noite de fin de ano na Coruña, cando dous mozos agrediron a outro por ser homosexual, para alén de roubarlle varias pertenzas. “Basta xa de homofobia!” foi a palabra de orde desta concentración, convocada por distintas entidades e apoiada por diversas organizacións.

Cómpre lembrar que Na Galiza rexistráronse en 2013 e 2014 un total de 129 delitos de odio. A Coruña é a provincia onde teñen lugar a maior parte deles, 99; seguida a distancia de Pontevedra, 16; Ourense con 8; e Lugo, 6. O Anuario do Ministerio informa que en 2014 houbo en Galiza 23 detidos ou imputados por estes feitos. Destes 129 delitos, a maioría prodúcense por mor da orientación ou identidade sexual da vítima: 87 casos en Galiza. Case sete de cada dez. A continuación séguelle os delitos cometidos pola discapacidade da vítima: 26 casos no noso país neses dous anos. A motivación racista/xenófoba está en 11 delitos de odio no noso país, mentres que as crenzas ou prácticas relixiosas están en catro.