Cinco concentracións da Marcha Mundial en repulsa polo asasinato machista de 5 mulleres en 4 meses

Acto contra o feminicidio

O movemento feminista convoca cinco concentracións esta sexta feria día 2 de maio ás 20 horas en repulsa polos cinco asasinatos machistas que se produciron na Galiza nos catro primeiros meses deste ano. 

A Marcha Mundial das Mulleres, que integra as diversas organizacións do movemento feminista galego, convoca para esta sexta feira ás 20 horas concentracións en Vigo, Ferrolterra, Ourense, Compostela e A Coruña, en sinal de repulsa polos cinco asasinatos machistas ocorridos no país nos primeiros catro meses do ano. 

O obxectivo é visibilizar a violencia que se está a exercer contra as mulleres “ante a pasividade das autoridades e dunha sociedade incapaz de reaccionar ante unha realidade cada día máis terríbel”. 

Desde a Marcha Mundial reclaman que os casos de violencia machista e de maneira especial os asasinatos deixen de considerarse “unha cuestión individual ou a consecuencia do comportamento de individuos que perden a razón, teñen problemas nas súas relacións, son ciumentos ou teñen comportamentos violentos”. Defenden, pola contra, que se trata dunha “cuestión estrutural que ten a ver con como se organiza a sociedade en que vivimos e é dende aí dende onde hai que mudar as cousas”. 

A Marcha e o movemento feminista convocan as seguintes concentracións: 

VIGO, venres 2 ás 20h no MARCO (Marcha Mundial das Mulleres)
FERROLTERRA, venres ás 20h na Praza do Concello (Marcha Mundial das Mulleres)
OURENSE, venres ás 20h na Subdelegación do Goberno (Marcha Mundial das Mulleres)
COMPOSTELA, venres ás 20h na Praza 8 de Marzo, Porta do Camiño (Movemento feminista de Compostela)
A CORUÑA, venres ás 20h no Obelisco (Movemento feminista de A Coruña)