Concentracións da CIG nas 7 cidades galegas por un sistema público de atención ás persoas

A central sindical aposta por poñer os coidados no centro das políticas públicas

A CIG realizou concentracións nas sete cidades galegas en demanda dunhas pensións públicas dignas e garantidas e dun Sistema Público Galego de Atención ás Persoas. Durante as mobilizacións, convocadas polo Colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas da central sindical, instouse aos Gobernos español e galego “a poñer os coidados no centro das políticas públicas”.

Dende a CIG inciden en que a crise sanitaria derivada da pandemia da Covid-19 evidenciou a necesidade de incrementar os investimentos públicos en servizos de atención ás persoas.

Por iso a central sindical está a desenvolver unha campaña en demanda dun Sistema Público Galego de Atención ás Persoas na que se insiren as concentracións que tiveron lugar esta quinta feira.

Con estas mobilizacións quérese reclamar tamén unhas pensións públicas dignas e garantidas, xa que á vista das recomendacións do Pacto de Toledo “todo indica que a reforma das pensións que se está a tramitar consolidará os peores aspectos das reformas de 2011 e 2013”.