Concentración en Vigo contra a política "de motoserra" ás carballeiras

A poeta Silvia Penas intervindo na concentración desta cuarta feira. (Foto: Nós Diario)
Protesta contra a talla en Navia e en defensa da Barroca.

Veciñanza de Vigo concentrouse esta cuarta feiras en Navia cun duplo obxectivo: denunciar a talla de exemplares na carballeira  deste barrio e exixir a protección da carballeira da Barroca, un espazo de bosque atlántico "único na cidade" e no que se pretende construír o Vigo Arena. A mobilización, convocada por Adega e co apoio do colectivo veciñal, contou coa presenza e intervención da poeta Silvia Penas. Tamén estivo presente a deputada do BNG no Parlamento galego Carmela González.

González trasladou o seu apoio a veciñanza e ambientalistas e afirmou, en declaracións a Nós Diario, que "non ten sentido que se estea  acabar coas poucas carballeiras que fican na cidade", demandando actuacións, compromisos e medidas encamiñadas cara á súa protección. "Un barrio novo, como o de Navia, precisa tamén este tipo de espazos e zonas", indicou.

"Motoserra"

Pola súa parte, Miguel Varela, de Adega-Vigo, apuntou a Nós Diario que estamos ante actuacións de dúas Administracións diferentes. A talla da carballeira en Navia é responsabilidade da Xunta da Galiza, mentres que o perigo de corta que paira sobre a da Barroca vai da man do Concello de Vigo e o PXOM. "Son dúas Administracións mais a política aquí é a mesma por parte de ambas: tirar de motoserra e árbores ao chan".

Varela apunta a que A Barroca é un exemplo de bosque atlántico e que o que hai que facer é "pola en valor, protexela e non destruíla". Considera o responsábel da Asociación Ecolóxica para a Defensa da Galiza que na cidade "hai espazos abondo" para acoller infraestruturas sen que sexa nestes espazos. "Perto da Barroca", engade, hai un humidal, A Barxa, que tamén debería ser obxecto de "coidado e protección".

O pasado 14 de decembro decorreu unha concentración en Navia na que se demandaba a preservación deste espazos de denunciábanse as cortas na carballeira. Unha talla que, lembran entre a veciñanza, se negaba por parte da Xunta que se ía facer.