Concentración solidaria cos 5 encausados por protestar contra Merkel

Decorrerá esta sexta feira, ás 11:00 horas, nos Xulgados composteláns de Fontiñas. No acto farase entrega das auto-inculpacións recollidas nestas semanas para cos 5 nacionalistas denunciados.

 

Na mañá desta sexta feira terá lugar unha concentración diante dos xulgados de Fontiñas contra a “política represiva do PP” en solidariedade cos cinco militantes nacionalistas – do BNG e da CIG- encausados por protestar contra a visita de Merkel a Galiza. A mobilización coincide co acto de entrega das autoinculpacións recollidas durante estas últimas semanas.

Entre os encausados están o secretario de Organización da CIG, Paulo Carril; o secretario comarcal da federación de Construción e Madeira de Lugo, Afonso Losada; o secretario comarcal da FGAMT de Pontevedra, Xabier Aboi e os membros do BNG Paulo Carballada e Rubén Cela.

Con esta mobilización a CIG quere denunciar a “política represiva” do PP contra todas aquelas organizacións e colectivos que manteñen unha actitude crítica a respecto "das políticas neoliberais que se nos están a impor e contra un proceso coercitivo que mesmo está recibindo críticas públicas por parte de determinadas organizacións sindicais da policía".