Sanidade pública

Soutomaior volverá saír á rúa para defender a sanidade pública após un ano sen pediatra

Unha recente e multitudinaria protesta polas rúas de Arcade, fronte ao centro de saúde. (Foto: Nós Diario)
"A Xunta non pode seguir aplicando os seus recortes na sanidade, sobre todo cando estes van contra dous dos colectivos máis vulnerábeis do noso concello, os nosos pequenos e os nosos maiores", censuran desde o BNG.

A veciñanza de Soutomaior volverase concentrar o vindeiro 15 de decembro ás 20 horas para exixir á Xunta da Galiza que "dote de máis persoal sanitario" o centro de saúde de Arcade, con especial énfase no servizo de Pediatría. Esta nova mobilización, convocada polo BNG local é que decorrerá ás portas do ambulatorio, chega precisamente despois de que faga un ano a vacante de pediatra no municipio.

"Nestes meses, a Xunta decidiu non buscar ningunha solución definitiva, tal e como requirían a veciñanza e o BNG de Soutomaior, e optou por parches que en absoluto responden á situación que vive o noso concello", denuncian desde a formación nacionalista. O centro de saúde de Arcade, censuran, "leva anos a contar unicamente con tres médicos", o que provoca que os tempos medios de agarda para unha cita médica "sexan de 10 ou 11 días ou que non se atendan as urxencias pediátricas".

Isto obriga os pais e nais a "levaren os seus pequenos enfermos a Pontevedra para seren atendidos", precisan. Unha situación que nesta época do ano, coa baixada das temperaturas, consideran que se vai agravar, "xa que tanto os nenos e nenas como os nosos maiores son dous dos grupos máis vulnerábeis ás enfermidades víricas durante o inverno", polo que o BNG urxe que se adopten "solucións definitivas á falta de médicos de Atención Primaria e de Pediatría".

O responsábel local do Bloque, José Costas, lembrou que o BNG vén de presentar unha emenda aos Orzamentos da Xunta en 2024 para que se dote de máis persoal sanitario o centro de saúde de Arcade, e sinalou que "a veciñanza sairá novamente ás rúas para reclamar os seus dereitos despois de que a Xunta obviase as numerosas queixas dos veciños e veciñas e as peticións do BNG para buscar unha solución a esta situación".

"A Xunta non pode seguir aplicando os seus recortes na sanidade, sobre todo cando estes van contra dous dos colectivos máis vulnerábeis do noso concello, os nosos pequenos e os nosos maiores. A veciñanza de Soutomaior vaise concentrar diante do centro de saúde de Soutomaior para exixir que se respecten os seus dereitos sanitarios. Necesitamos solucións xa, tanto para a Atención Primaria como para o Servizo de Pediatría. Non imos parar ata que os nosos veciños e veciñas conten cunha sanidade pública digna e de calidade", concluíu Costas.