Concentración contra a minaría na Serra do Suído e do Seixo

Concentración pola caducidade do dereito da mina Alberta I. (Foto: Cedida)
Reclaman a caducidade do dereito mineiro da Alberta I.

A veciñanza da Lama, Beariz, Avión, Cercedo-Cotobade e Forcareu deuse cita onte nunha concentración pola caducidade do dereito da Mina Alberta I. Coa asistencia de medio centro de persoas no día de onte, foi considerada un éxito pola plataforma SOS Suído-Seixo, a convocante do acto, ante a actual situación sociosanitaria.

Esta concesión tratou de ser explotada recentemente pola empresa Recursos Minerales de Galicia S.A., filial do grupo empresarial SAMCA. Este pretendía construír unha explotación de 12 quilómetros lineais, con 60 cuadrículas para a extracción de estaño, volframio, tántalo, niobio e litio.

Porén, un informe negativo da Confederación Hidrográfica Miño-Sil levou ao Goberno galego a non concederlle a explotación da Alberta I. Os plans de reapertura do complexo mineiro xeraron gran controversia pola ameaza ao "potencial ambiental, social e económico que as terras do Suído e do Seixo" teñen para a veciñanza, afirman desde SOS Suído-Seixo. 

"Con este tipo de actos queremos mostrar que a nosa loita segue viva", declararon desde o colectivo antimineiro.