Unha concentración lembra en Compostela a perda de dereitos das persoas migrantes

Concentración antirracista en Compostela. (Foto: Arxina)
A acción, convocada dentro da campaña 'Normalizar dereitos', que impulsan colectivos antirracistas, serve para alertar tamén do avance dos discursos do odio. 

Colectivos como Foro Galego da Inmigración, SOS Racismo, Resistencia en Terra Allea, Raias Travesseiras, Asociación Fuco Buxán e ODS-Coia están detrás da campaña 'Normalizar dereitos'.

Esta iniciativa leva varias semanas tentando sensibilizar e denunciar a situación que padecen persoas migradas, refuxiadas e racializadas para dar a coñecer algunhas da vulneracións de dereitos que se están a producir no contexto galego e español.

Na tarde de hoxe, a iniciativa convocou na praza compostelá do Toural unha concentración en contra do racismo, o colonialismo e as políticas migratorias e de fronteiras.

Neste encontro quixeron denunciar tamén o "abandono institucional cara ás persoas que sosteñen servizos esenciais", como a recollida de froita ou os coidados, que nesta situación de crise sanitaria quedaron sen ningún tipo de apoio ou prestación.

A campaña alerta ademais da "normalización dos discursos de odio" que se está a producir nos últimos tempos.

Igualmente aludiron ás consencuencias que ten a presenza da extrema dereita nas institucións, nos espazos mediáticos e nas rúas.