Por volta de 200 persoas concéntranse en Compostela contra a emerxencia de Vox

Primeiros momentos da concentración na Praza de Mazarelos

A praza de Mazarelos acolleu esta terza feira 4 de decembro unha concentración contra o fascismo que reuniu a perto de 200 persoas. A convocatoria vén por parte de estudantado autoorganizado da USC.

A concentración deu paso a unha marcha até a praza de Cervantes na que se leu un manifesto. "Nos últimos tempos, especialmente tras o proceso independentista catalán, faise cada vez máis palpábel o aumento da extrema dereita. A última mostra foron os case 400.000 votos obtidos por Vox nas eleccións andaluzas. Hoxe, Día Nacional de Andalucía, queremos transmitir a nosa solidaridade internacionalista con este pobo, coa súa clase operaria e o seu estudantado", así comezaba o texto no que chamaban a organizarse dende as aulas e nas rúas.

 

Dende a plataforma sinalan directamente a profesorado da USC por asinar un texto contra o proceso catalán que pedía a intervención militar en Catalunya no 1 de outubro. En concreto, reférense a Roberto Blanco Valdés, Celestino García Arias e Miguel Caínzos López.

 

Antes de rematar, pediron á xente alí presente que non fiquen caladas e colaboren activamente co antifascismo. "Somos un grupo de estudantes dispostas a organizarnos fronte o auxe da extrema dereita. Isto foi so o principio, esperamos facermos máis cousas e que cada vez máis xente se una nunha fronte común contra o fascismo. Nestes tempos que vivimos témolo claro, a loita antifascista está nas rúas. Berramos ben alto que non pasarán", contan dende o grupo a Sermos Galiza.