Concentración diante de "Imaginarium" para que cancele as relacións comerciais con Israel

Palestina
A próxima quinta día 29, día da solidariedade internacional con Palestina, a entidade Boicote, Desinvestimentos e Sancións a Israel. BDS Galiza convoca unha concentración ás portas da tenda de Imaginarium na rúa Alfredo Brañas en Compostela como sinal de protesta polo feito da cadea de tendas de xoguetes producir e comercializar con Israel. Dentro da campaña que busca boicotear as relacións económicas co sionismo, xa un establecemento devolveu os produtos de Imaginarium, a Libraría Pedreira de Santiago.

Diante da tenda de Imaginarium, desenvolverase un acto simbólico co reparto dun flyer explicando as razóns polas que demandan á cadea xogueteira que rompa relacións comerciais con Israel.

Na carta que se entregará á persoa encargada do establecemento por parte do BDS Galiza, sinálase que é “difícil conciliar a declarada incorporación de valores fundamentais para a vida de nenos e nenas coa aceptación pasiva das atrocidades que o estado de Israel comete precisamente con eles”. Son as crianzas, segundo Esculca, as “primeiras e máis sensíbeis vítimas das políticas de limpea étnica do estdo de Israel, as que máis virulentamente sofren as consecuencias da ocupación”.

“Non sabemos que novo horror, que nova crueldade, necesita Imaginarium para cortar todos os vínculos que o unen a estas atrocidades, para poder proclamar que a súa declaración de principios é algo máis que un simples ardil publicitario, para contribuír na medida que exixe a decencia a restaurar os vulnerarios dereitos das nenas e nenos palestinos”, explícase no escrito que se fará chegar á persoa responsábel do establecemento de Compostela, espazo que acollerá a mobilización desta quinta en que se denunciarán as relacións comerciais da cadea con Israel.