Concentración diante de Educación polos dereitos do profesorado substituto

A notificación de última hora por parte do departamento de Xesús Vázquez de suspender o nomeamento nos meses de xullo e agosto para o persoal docente substituto provoca as protestas do sector.

Respondendo a unha convocatoria da CIG-Ensino, o sector concentrouse hoxe diante da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para protestar polo acordo que suspende o dereito de nomeamento nos meses de xullo e xullo d@s substitut@s. Até agora o persoal que tivera prestado servizos á administración durante polo menos cinco meses e medio durante o curso 2011-12 tiña a ampliación nos meses de verán. Durante o acto, un grupo de afectados, acompañados polo Secretario Nacional da CIG-Ensino, entregaron un escrito dirixido ao conselleiro de Educación no que se esixe a reposición deste dereito.
“Estamos aquí para que a propia Consellaría rectifique”, dixo Anxo Louzao, secretario xeral de CIG Ensino que participou na concentración. “Potencialmente hai máis de 1.000 afectad@s e incrementaranse máis pola redución das substitucións”, asegurou o dirixente sindical.

O profesorado substituto está a padecer "o desprezo da Consellaría" segundo a CIG-Ensino


Atraso na notificación
A demora en informar desta medida tamén é un dos temas que critica duramente a CIG-Ensino. “Esta medida tomouse o día 21 no Consello da Xunta e foi notificado até seis días despois, xusto ao remate do curso”, denunciou Louzao. Para este sindicato é inaceptábel que a Consellaría agarde até o remate das clases para anunciar unha medida tan dura para o profesorado substituto. “Hoxe non saben se van traballar ao día seguinte ou non”, sinala o secretario xeral de CIG Ensino, “e por riba quítanche unha parte do teu salario”. Tamén apuntou que non entende como algúns sindicatos mantiveron unha reunión na Consellaría pola mañá e non informaron deste tema.
A precariedade deste sector do ensino galego, segundo critica o sindicato nacionalista, está a padecer “o desprezo desta Consellaría” con constantes cambios de domicilio e a obriga de estar a disposición da Administración de xeito continuo.