Concentración contra os lumes en Valdeorras

A 'Alianza por un Mundo Rural Galego Vivo' (integrada tamén por ADEGA, CIG, a FRUGA e a ORGACCMM) convocaron unha concentración para o 15 de agosto ás 12 horas contra os incendios no Barco de Valdeorras, diante da casa Grande de Viloria. Critican os cambios da Lei de Montes da Xunta.

"O desleixo e o pasotismo olímpico da Xunta co noso medio rural provocarán lumes de récord: máis rápidos, altos e fortes", denuncian desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA). Os incendios desta fin de semana en varios puntos do país, na zona de Valdeorras en particular, puxeron en evidencia algo que varios sectores da sociedade criticaron no seu momento: a recente modificación da Lei de Montes de Galiza, aprobada cos votos en contra de BNG e PSdeG-PSOE reduce ao mínimo o papel da administración. Para @s ecoloxistas de ADEGA "a Lei de Montes aprobada polo PP deixa practicamente baleira de contido a lei 3/2007 de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais".

"Estes cambios normativos deixan aos montes galegos e á poboación veciña nunha situación de risco", aseguran desde ADEGA

Cambios na Lei
Os cambios na nova Lei que criticaron con dureza desde a Alianza teñen 43 importantes modificacións entre as que figuran a diminución das distancias de salvagarda da vexetación ás vivendas (de 50 a 30 metros), a redución dos anos nos que se limita o aproveitamento dos terreos queimados (de 3 a 2 anos), a eliminación do mosaico de parcelas e a prohibición de estabelecer masas monoespecíficas de máis de 25 hectáreas continuas, a apertura a posibilidade de forestar terras agrarias e a desviación cara aos concellos parte das responsabilidades de control. "Estes cambios normativos deixan aos montes galegos e á poboación veciña nunha situación de risco", aseguran desde ADEGA.

Outra xestión do monte con futuro
A 'Alianza por un Mundo Rural Galego Vivo' propón outra xestión do monte. "Apostamos por un monte con futuro que pasa por unha xestión sustentábel, integral, activa e participativa", sinalan. Desde a Alianza insisten en que os montes "teñen futuro", e que os lumes poden combaterse con algo máis que "represión policial" se se aposta pola prevención e por pór en valor con intelixencia todas as potencialidades de Galiza.