Esta cuarta feira 30 de agosto

Concentración de CCOO contra despedimentos e abusos laborais en Médicos Sen Fronteiras

Imaxe: Facebook de MSF

Comisións Obreiras convoca unha concentración contra os despedimentos na ong Médicos Sen Fronteiras esta semana en Santiago de Compostela. O sindicato rexeita os despedimentos na entidade, baseados na execución dunha cláusula contractual que coida abusiva e que está denunciada perante a xustiza.

A cláusula na que se basean os despedimentos previstos denunciados por Comisións Obreiras prevé o despedimento disciplinario das traballadoras e traballadores que se dedican á captación de novos socios cando non alcancen un número mínimo.

 

Representantes de CCOO declaran que o feito de que até 80% das traballadoras e traballadores sexan incapaces de lograr o obxectivo é “proba abonda de que se trata dun precepto abusivo”.

 

Ademais, dende o sindicato denuncian outras irregularidades relacionadas con cambios de contrato, presións, exposición a agresións físicas, verbais e sexuais, horas de traballo a maiores ou o feito de camuflar o traballo como voluntariado.

 

O encontro está convocado para esta cuarta feira 30 de agosto ás 20:00 h fronte á sede da oenegué (rúa do Vilar, nº 11) en Santiago de Compostela. Durante este verán, o sindicato leva convocadas xa outras accións contra os movementos de MSF en defensa dos dereitos dos traballadores.