Concentración en apoio ás reivindicacións pola devolución da Casa Cornide na Coruña

Toma simbólica da Casa Cornide na Coruña por militantes do BNG.
Unha concentración en réxime de autoconvocatoria diante dos xulgados da Coruña prestará a vindeira cuarta feira, ás 11.30 horas, apoio ás nove persoas que están chamadas a declarar, denunciadas pola acción que en setembro de 2017 tomou simolicamente a Casa Cornide.

Estas nove persoas denunciadas, activistas e militantes do BNG subiron naquela data á varanda Casa Cornide, propiedade da familia Franco, para reivindicar a devolución deste ben ao patrimonio público.

Serán axuizadas este 14 de outubro por un delito leve de coaccións como resultado da denuncia interposta polos Franco, que teñen á venda o inmóbel, de titularidade pública até 1962.

Por aquela mobilización pacífica, a descendencia do ditador pedía penas moito máis severas, de até nove anos de cadea e 24.000 euros de multa por cabeza, se ben a Audiencia coruñesa rexeitou a maior parte dos delitos aos que se remitía a denuncia.