Covid-19

Os Concellos non poderían ter multado por non usar máscara

A máscara deixou de ser obrigatoria nos autobuses a comezos de febreiro pasado. (Foto: Arxina)
Son "incompetentes" para tramitar os expedientes abertos antes de febreiro de 2021, afirma o TSXG.

A sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) decretou nunha sentenza notificada esta quinta feira que os Concellos son incompetentes para tramitar os expedientes abertos pola Policía Local ou a Policía española por denuncias presentadas antes de febreiro de 2021 por non levar máscara.

En concreto, o alto tribunal galego rexeitou o recurso presentado pola Xunta da Galiza contra unha sentenza ditada polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Lugo, que determinou que o Concello de Monforte de Lemos (na comarca de Terra de Lemos) era incompetente para tramitar as sancións.

Lei de Saúde da Galiza

Así, o TSXG subliña na súa sentencia que as Administracións locais carecían de competencia para sancionar antes da reforma da Lei de Saúde da Galiza, que entrou en vigor o 27 de febreiro de 2021.

Os maxistrados explican que as dúbidas arredor da competencia para sancionar eran "de tal intensidade" que obrigaron o Goberno galego a levar a cabo unha reforma lexislativa que, segundo o TSXG, supón unha modificación "contundente" dunha competencia sancionadora da que os Concellos carecían.