Os Concellos informan dos datos Covid que a Xunta aínda non divulga de forma directa

Un equipo das Urxencias Sanitarias da Galiza traslada en ambulancia unha persoa infectada polo novo coronavirus (M. Dylan / Europa Press).
Os municipios con medidas de restricción especiais coñecen a diario os casos activos. Algúns veñen dando a coñecer esas cifras cun dobre obxectivo, trasnquilizar a veciñanza e responder a unha demanda de transparencia que a Xunta da Galiza segue ignorando.

O Concello de Ames informa desde a pasada segunda feira do número de casos activos do municipio "en tempo real", segundo os datos trasladados pola Consellaría de Sanidade. Unha decisión que o Goberno local confirmou coincidindo co inicio da semana e que veu precedida dun primeiro comunicado o pasado sábado, día 26. Ese día, Ames fixo público que o número de casos activos rexistrados no concello a mesma xornada na que a Xunta estendeu as restricións existentes en Santiago de Compostela á totalidade do núcleo urbano do Milladoiro era de 48.

O executivo local decidiu difundir esa cifra despois de solicitarlle á Consellería de Sanidade que dera a coñecer eses datos e mesmo que aclarase a orixe do foco declarado na localidade do Milladoiro, "de cara desmentir o rumor dun contaxio masivo".

"Na última xuntanza que mantivemos cos responsábeis da área sanitaria de Santiago, o Goberno municipal solicitou acceso aos datos locais relacionados coa Covid-19 e autorización para podelos publicar", explica David Santomil, alcalde en funcións, a Nós Diario. "Desde o Concello entendemos e insistimos en que quen debe divulgar eses datos é quen ten a competencia para facelo, que é a Xunta da Galiza. Mais como manifesta que non os publica, que simplemente os traslada, decidimos aproveitar o permiso  que nos concederon para informar a veciñanza".

Transparencia

Dunha banda, asegura Santomil, para tranquilizar o conxunto da poboación a raíz do brote detectado no Milladoiro, e doutra, para responder a unha demanda de transparencia xeneraliza que se intensificou conforme aumentou a incidencia da Covid-19 e o número de novos focos detectados. "A quen lle corresponde este exercicio é á Consellaría de Sanidade, mais se nos facilita ese dato e nos autoriza a facelo público non queremos ser nós quen o manteñamos oculto, máis, cando queremos unha cidadanía involucrada e corresponsábel no cumprimento das medidas que impoñen unha maior contención nas reunións sociais e familiares", di Santomil.

Até a semana pasada, os datos aos que tiña acceso o Concello de Ames eran "estimativos para toda a área sanitaria". Foi a presión do Goberno local nun contexto de novas restricións a que favoreceu o acceso a esa información diaria e puntual, referida exclusivamente ao número de casos activos declarados dentro do municipio. "Non sabemos se no futuro obteremos datos oficiais máis detallados, como solicitamos".

A realidade de Ames, sometido a medidas de prevención e vixilancia reforzadas, coincide coa doutros concellos na mesma situación, máis dista da doutros que veñen reclamando maior información e transparencia sen resultado. É o caso do Consello de Cabanas, dependente da área sanitaria de Ferrol, quen amosou a súa "preocupación" por ter que saber pola prensa ou por fontes extraoficiais dos casos positivos no concello, "sen que o Sergas nin a xerencia da área sanitaria comuniquen esa información".

Información epidemiolóxica actualizada

Neste sentido, David Santomil recoñece "riscos" por parte dos concellos á hora de asumir "ser o altofalante de datos que son competencia da Xunta" e urxe habilitar un espazo para a súa difusión directa, unha posibilidade que Sanidade non descarta e na que está di estar traballando.

No día de hoxe, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) anunciou que trasladará aos concellos información epidemiolóxica remitida pola Xunta. Así se conveu tras unha comunicación telefónica entre responsábeis da Consellería de Sanidade e o presidente da Fegamp, Alberto Varela, na que se precisou que a información será actualizada as cuartas e sextas feiras.

Datos reais e oficiais para unha toma de decisións óptima

O 9 de setembro, o concello de Pontevedra sumouse, a canda o de Ponteceso, ás medidas restritivas decretadas pola Xunta para frear a expansión do coronavirus. O Goberno local recibiu o anuncio de súpeto, a sabendas do aumento da incidencia máis sen datos específicos, oficiais e deslocalizados. Desde entón, a Alcaldía recibe a diario información dos casos activos, "mais sempre criticamos que non se informe da incidencia real en cada lugar de forma oficial, xa que iso limita unha toma de decisións óptima por parte dos Concellos" e non axuda a implicar a poboación.

"Agora sabemos da variación dos casos de Covid-19, pero nada máis. E seguimos a colaborar coas autoridades sanitarias para a realización de test e cribados, mais non entendemos por que cunha incidencia tan alta, o Goberno galego decidiu seguir adiante co inicio do curso escolar".