Sete concellos galegos rexeitan os espectáculos circenses con animais

[Imaxe: Libera]

Vigo, Ourense, Betanzos, Ares, Fene, Viveiro e Teo prohibiron a instalación en espazos públicos de circos que inclúan funcións con animais. Aliás, está previsto que os plenos municipais de Poio e Compostela debatan tamén a iniciativa da asociación Libera.


Son sete os concellos galegos que aprobaron mocións en prol do veto a funcións circenses que incorporen espectáculos con animais. O último en dar o visto e prace a esta medida foi Teo.

Defendida polo BNG, foron os votos da formación nacionalista e os do grupo de goberno, da formación Anova, os que quitaron adiante unha iniciativa pola cal a localidade se compromete a non autorizar nen promover a instalación de circos con animais en espazos públicos da súa titularidade. Aliás, non vai permitir tampouco a colocación de cartaces con publicidade dos devanditos espectáculos. A mesma iniciativa saíu adiante tamén nos municipios de Ourense, Vigo, Betanzos, Fene, Ares e Viveiro.

"O homo sapiens sobreviviu porque foi quen de domesticar os cans e o neanderthal non"

Especial transcendencia informativa, nomeadamente a través das redes sociais, adquiriuna o debate que se deu no pleno ourensán a respeito desta moción, defendida pola concelleira nacionalista Ximena González. BNG e PSdG-PSOE quitaron adiante a inciativa cos seus votos. O PP abstívose porque non saíu adiante a emenda que prensentaron e coa que pretendía limitar a prohibición aos espectáculos que lesionasen os animais.

O edil conservador Miguel Abad amenizou o debate amosando unha fotografía do rexedor disfrazado de domador no entroido. Pola súa banda, Democracia Orensana votou por separado: namentres Susana Gómez apoiou a iniciativa nacionalista, o seu compañeiro de partido, Gonzalo Pérez Jácome, pronunciouse en contra argumentando que "o homo sapiens sobreviviu porque foi quen de domesticar os cans e o neanderthal non". 

Poio e Compostela tamén debaterán a iniciativa de Libera

Cómpre sinalar que o debate desta moción se vai realizar tamén nos concellos de Poio e Compostela. No municipio pontevedrés sairá adiante con toda probabilidade ao contar co visto e prace do BNG --formación que a presenta-- e do PSdG-PSOE, que xa se pronunciou publicamente a favor; a postura do PP descoñécese polo de agora.

En Compostela, a edil nacionalista Elvira Cienfuegos recordará que "aínda que os espectáculos circenses non amosen condutas de violencia explícita á vista do público espectador, os actos que os animais teñen que realizaren non son habituais nin naturais e, para obrigalos a se comportaren deste xeito, sométenos a métodos de adestramento con castigo físico, privación de alimento e illamento do resto dos seus conxéneres", tal e como recolle o texto da moción.