Oito concellos galegos máis en alerta vermella polo coronavirus

Entran nese nivel Lugo, Pontevedra, A Estrada e Oleiros. O número total de municipios ascende a 21.

O número de concellos galegos no nivel máximo de alerta, o 3, pola incidencia do coronavirus na última semana elevouse a 21, oito máis que onte, ao activarse o aviso en Lugo, Pontevedra, Poio, Tui, Salvaterra, A Estrada, Mesía e Oleiros.

Ademais, segundo consta no mapa 'semáforo' actualizado diariamente pola Consellería de Sanidade, continúan no nivel tres pola pandemia os concellos de Ourense, O Carballiño, O Barco, Verín, Santiago, Arteixo, A Laracha, Narón, Culleredo, Ordes, Ames, Vilagarcía de Arousa e Cangas do Morrazo.

A entrada no nivel máximo de risco de todas estas localidades implica que detectaron máis de 21 casos de coronavirus no últimos sete días, fóra de Lugo e Pontevedra.

Estas dúas, ao ter máis de 50.000 habitantes, están en alerta vermella por sumar máis de 112 contaxios no caso da cidade da muralla, e máis de 96 na do Lérez.

Mentres, en situación 2 -no nivel laranxa do mapa- sitúanse 15 municipios, catro menos que o martes. Trátase de Ferrol, A Coruña, Carballo, Teo, Vilanova de Arousa, Lalín, Marín, Vigo, Nigrán, Gondomar, Mos, O Porriño, Barbadás, Boborás e Monforte de Lemos.

En cor laranxa inclúense municipios de máis de 50.000 habitantes con 56 e 111 casos novos de COVID-19 á semana por 100.000 habitantes e nos de menor poboación que presenten entre 14 e 20 casos.

Evolución

Galiza rexistrou 441 novos contaxios en 24 horas, un aumento importante e que amosa como a Covid continúa a se estender. Son xa, segundo os datos facilitados pola Consellaría de Sanidade, 5.457 casos activos os que hai rexistrados na Galiza, 240 máis que na xornada de onte

Hai 294 persoas hospitalizadas polo coronavirus. Delas, 38 están en unidade de coidados intensivos (UCI). A cifra de falecidos e falecidas sitúase en 836.

As áreas sanitarias de Santiago e Vigo experimentan importantes aumentos, con 83 novos positivos máis cada unha, que sitúan o seu total de casos en 851 e 900.