Concellos galegos comprométense coa convivencia e contra a islamofobia

[Imaxe MIC]

As alcaldías de Vilagarcía, Oleiros, Narón, Moaña, Salceda de Caselas, Lalín, Teo e A Coruña asinaron unha declaración promovida por Esculca que insta a "erradicar actitudes e políticas de odio étnico, nacional ou relixioso".

O Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades, Esculca, vén de lanzar unha Declaración institucional intitulada 'Alcaldías contra a Islamofobia'. Un documento que instan a asinar aos gobernos locais de Galiza en resposta ás "politicas irresponsatbeis, cando non directamente criminosas, dos gobernos occidentais" perante a crise de persoas refuxiadas mais tamén á "auxe de partidos políticos islamófobos en non poucos países europeos,  a implantaciotn de mecanismos dirixidos directamente a alentar a denuncia anónima de condutas culturais e relixiosas islámicas, o control policial a que son submetidos algúns centros de oraciónn, a criminalización de calquera expresón  crítica das políticas das potencias occidentais e os seus aliados no Oriente Próximo", sinala Esculca na declaración.

A declaración visa dar unha resposta institucional a "actitudes, comportamentos e políticas islamófobas" pulando por comunidades respectuosas e pacíficas

Estes feitos, que achan "sinais" que advirten da estigmatización das persoas refuxiadas, levou Esculca a iniciar unha campaña coa que procurar o apoio e a implicación municipal na condea das "actitudes, comportamentos e políticas islamófobas" e o rexeitamento de calquera xustificación das mesmas amparada "na acción violenta de individuos ou grupos concretos". 

A declaración foi lanzada cos apoios iniciais das alcaldías de Vilagarcía, Oleiros, Narón, Moaña, Salcela de Caselas, Lalín, Teo e A Coruña cuxos gobernos se comprometen a impulsar medidas concretas a prol da conformación de comunidades "respectuosas e pacíficas que garantan a convivencia", como recolle o documento. Así pois, avanzaron que desenvolverán iniciativas "de concienciación" nos seus concellos através de campañas de información e sensibilización para "contrarrestar o bombardeo informativo negativo" que paira sobre a comunidade musulmá após os atentados terroristas de París ou Bélxica, explicou a concelleira de Benestar Social de Moaña, María Ortega, en declaracións recollidas por Europa Press. 

Na Galiza residen 17.166 persoas musulmás, conta con 21 entidades e 20 mesquitas

Neste senso, Ortega sinalou que traballarán directamente coas crianzas pois "non entenden de desigualdades, poden convivir con persoas de diferente raza e relixión e non o ven como algo diferente senón como algo diverso", acrecenta. "As crianzas sempre arrastran os adultos", dixo, con quen tamén farán "pedagoxía". 

Agresións islamófobas

Na Galiza moran, segundo o Informe demográfico elaborado polo Observatorio Andalusí en 2015, 17.166 persoas musulmás, maioritariamente procedentes de Marrocos (6.637), o Estado español (4.917) e Senegal (2.472). Aliás, existen 21 entidades ou asociacións e 20 comunidades ou mesquitas. 

Neste senso, desde Esculca subliñan que nos últimos anos se ten producido un incremento das agresións islamófobas no Estado español a partir dos dados recompilados pola Plataforma cívica contra a islamofobia. De facto, as denuncias aumentaron o 600% en 2015, unhas cifras que corroboran os dados do Ministerio de Interior. A institución española rexistrou 70 casos o pasado ano, sete máis que no 2014. 

Fatima Ezzahra: "Cando puxen o veo comecei a notar as dificultades á hora de buscar emprego"

Galiza non aparece neses informes mais Esculca si ten constancia de "indicios" através do relato que lle trasladado integrantes dos colectivos musulmáns que colaboran con Esculca en actividades de integración. Estas persoas teñen amosado seu "temor" pola "sensación de se sentiren observados" mesmo pola súa veciñanza, sinalou en declaracións a Europa Press, Bletxu Valeiras.

Unha experiencia que explicaba Fatima Ezzahra, residente na Galiza desde hai 9 anos e de orixe marroquí. Cando decidiu pór o hijab (veo) "decateime de que si que hai xente ignorante", sinalaba na reportaxe Integrar asimilando, publicada no nº181 do semanario en papel. "Sentíame observada, rexeitada, mesmo notaba a ollada de odio nalgunhas persoas. Malia todo, grazas a deus nunca me afectou, ao contrario, dábame máis forza".

Fatima decidiu pór o hijab porque era "o soño que tiña". "Comecei a notar as dificultades á hora de buscar emprego porque ninguén quería unha persoa con veo na súa empresa. É estraño, verdade?", dicía.