Concellos galegos alertan de "preparativos en segundas residencias" de cara á Semana Santa

Sanxenxo

A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) trasladou á Delegación do Goberno un aviso sobre os desprazamentos de persoas que poderían producirse a próxima semana, con motivo da Semana Santa.

Nos últimos días, explicaron os responsables da Fegamp, "varios concellos" da comunidade puxeron en coñecemento da federación que "estaban a percibir preparativos en segundas residencias nas súas correspondentes demarcacións".

Nalgúns casos, engaden, "trátase de máis que sospeitas", xa que os concellos teñen a "constatación da vontade de traslado por parte dos propietarios".

Por mor desta situación, os responsábeis das administracións locais están preocupados pola posibles consecuencias sanitarias destes movementos. Por iso, a Fegamp solicitou ás autoridades que "reforcen os controis" e apelou á "responsabilidade e colaboración cidadá" para respectar as medidas de contención do COVID-19.