Os concellos galegos en alerta vermella por Covid aumentan a 15

Desactívase este nivel no Barco mais actívase en Nigrán, Poio, Narón e Culleredo.

A lista de concellos galegos en nivel máximo de alerta, o 3, pola incidencia do coronavirus nos últimos sete días ascenderon hoxe a 15, despois de que se desactivase no Barco de Valdeorras e entrasen os concellos de Nigrán e Poio, no sur do país, así como Narón e Culleredo, no norte.

Ademais, segundo consta no mapa 'semáforo' que diariamente actualiza a Consellería de Sanidade, continúan en alerta vermella as cidades de Ourense e Santiago e os municipios de Arteixo, A Laracha, Ordes, Ames, Vilagarcía, O Carballiño, Barbadás, Ourense, Verín e Cangas do Morrazo.

A entrada no nivel máximo de risco por coronavirus implica, para as localidades de menos de 50.000 habitantes, que detectaron máis de 21 casos nos últimos sete días.

No caso de Ourense e Santiago, as únicas dúas cidades galegas en vermello, significa que sumaron máis de 120 e 112 contaxios, respectivamente, nunha semana.

Mentres, en situación 2 -en cor laranxa do 'semáforo' do mapa- sitúanse 17 municipios, dos cales 12 repiten neste nivel con respecto ao domingo: Vigo, A Coruña, Pontevedra, Lugo, Ferrol, Fene, Oleiros, Mesía, Teo, Vilanova de Arousa, O Porriño e Pereiro de Aguiar.

Así, os cinco que se suman á alerta laranxa son Carballo, Salvaterra de Miño, Gondomar e Boborás, por empeorar a incidencia da pandemia nos últimos sete días; ademais do Barco, que o fai despois de baixar da alerta vermella na que permaneceu durante días.

Pola súa banda, abandonan o nivel 2 Culleredo, Poio, Nigrán, Narón -que subiron á alerta máxima- e Marín -agora está en nivel 1, en amarelo-.

En nivel vermello incúense os municipios de menos de 50.000 habitantes con 21 ou máis casos novos á semana, mentres que no caso dos concellos de máis de 50.000 habitantes se establece como corte a detección dunha taxa de 112 ou máis casos á semana por cada 100.000 habitantes.

No nivel de cor laranxa están os concellos de máis de 50.000 habitantes con 56 e 111 casos novos de COVID á semana por 100.000 habitantes e nos de menor poboación que presenten entre 14 e 20 casos.