Concellos das Rías Baixas exixen máis persoal médico

Pilar Rodríguez, Óscar Graña e Araceli Gestido (Foto: Nós Diario).
Continúan as protestas  e reclamacións pola sanidade pública. Desta vez en concellos do Morrazo, Vigo e Barbanza, nesta última comarca Corrubedo, en Ribeira, acolleu unha mobilización veciñal 

As protestas e reclamacións en demanda de melloras na sanidade pública aumentan. Esta quinta feira, no municipio de Cangas, a súa alcaldesa, Araceli Xestido (BNG), compareceu en rolda de prensa xunto a representantes da CIG, Pilar Rodríguez e Óscar Graña, para dar conta da situación sanitaria neste municipio do Morrazo.

“Temos un déficit de persoal, sobre todo no verán co aumento da poboación”, sinalou a rexedora que denunciou que “non se están a cubrir, por sistema, as prazas que faltan, por exemplo as baixas por vacacións e enfermidade”.

Óscar Graña lembrou o informe do Consello de Contas que apunta que “a rede de transporte sanitario do 061 era insuficiente” ao eliminar “os tempos de agarda para que os datos coincidiran e deixar fóra parte da poboación” polo que pediu que se controlen desde o propio Concello. Por último, Pilar Rodríguez considerou “inadmisíbel” que haxa menos persoal médico no verán que no resto do ano. 

Noutra localidade da comarca, en Moaña, continuaron este domingo as protestas para reclamar a volta das urxencias ao seu centro de saúde. Na concentración desta fin de semana, o concelleiro Daniel Costas, alcalde accidental, indicou que, tras as últimas conversas coa dirección sanitaria de Vigo “non nos queda outra que seguir loitando e incrementar a protesta”. 

Tamén perto, do Morrazo, esta terza feira, o alcalde de Soutomaior (comarca de Vigo), Manu Lourenzo (BNG), e a concelleira de Saúde, Rosana Martínez, mantiveron un encontro co Sergas para trasladarlle a necesidade de recuperar o servizo de Pediatría, “que leva case un ano sen funcionar”, e aumentar a cifra de tres facultativos para atender 7.500 veciñas e veciñas, unha media que fica "lonxe do recomendado pola OMS”.

Na mesma comarca, o BNG de Vigo demandou esta quinta feira dous novos centros nas contornas de Navia-Coia e Teis para aliviar a saturación no PAC de Pizarro, nos centros de saúde e no Hospital Álvaro Cunqueiro.

Protestas en Corrubedo 

A veciñanza de Corrubedo, en Ribeira (Barbanza) continuou esta quinta feira as mobilizacións que repiten todas as quintas feiras desde hai varios meses en demanda dun médico a tempo completo no centro de saúde da localidade. Para o alcalde, Luís Pérez, tamén do BNG, “non é válida a solución que nos trasladan desde a Xunta de telo no verán, Corrubedo precísao todo o ano".